O pleno do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) aprobou por unanimidade o orzamento e o plan operativo anual da institución académica para o exercicio 2021 en curso. Foi un dos acordos de relevancia adoptados polos membros do pleno reunidos onte por videoconferencia en sesión ordinaria.
Entre as novidades non recollidas no orde do día, estivo a intervención do reitor da UDC, Julio Abalde, que presentou en profundidade o proxecto do Campus Industrial de Ferrol, o primeiro campus de especialización acreditado do Sistema Universitario Español e dedicado á industria naval. O Campus Industrial de Ferrol ven de recibir esta acreditación de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
No pleno tamén se informou favorablemente sobre a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, que xurde da integración da Escola Politécnica Superior e da Escola Universitaria Politécnica da Universidade da Coruña. Na mesma reunión, o informe sobre os convenios aprobados no Consello de Goberno da institución académica tivo o seu visto bo por parte do pleno.
Deuse luz verde, ademais, á proposta de complemento retributivo autonómico de recoñecemento polos cargos de xestión a profesores da UDC e autorizouse a contratación da auditoría para o exame das contas anuais do exercicio 2020 da Universidade da Coruña.
Por último, os membros do pleno do Consello Social puideron coñecer de primeira man, no transcurso desta sesión ordinaria, a actividade que realiza Unirisco Galicia, sociedade de capital risco participada polas tres universidades galegas e dirixida por Inmaculada Rodríguez Cuervo, membro do Consello Social da UDC.