O pleno do Consello Social da UDC debate o anteproxecto de LOSU

O pleno do Consello Social da UDC debate o anteproxecto de LOSU

O pleno do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) debateu na tarde onte o estado de tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario, presentado ao Consello de Ministros a principios de setembro.

O presidente do Consello Social e presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS), Antonio Abril Abadín, mantivo nos últimos meses diversas reunións co ministro de Universidades, Manuel Castells, e o seu equipo. Desde o comité executivo do CCS insistiron en diversas notas públicas que o actual anteproxecto non responde as necesidades reais da universidade española, desaproveitando así a oportunidade de homologar o modelo ao dos sistemas europeos comparables. Por iso, os intereses sociais non se sitúan no centro da reforma tendo en conta que a universidade debe estar ao servizo da sociedade.

O anteproxecto de LOSU non aborda a transformación do modelo de gobernanza universitaria, a revitalización dos consellos sociais como representantes da sociedade que paga maioritariamente cos seus impostos a universidade pública nin o impulso á meritocracia, polo que os consellos sociais seguirán insistindo en cambios antes de que se complete o trámite lexislativo.

 

Informe sobre o Plan de Financiamento 2022-2026

Os membros do pleno tamén tiveron coñecemento sobre os avances na elaboración do Plan de Financiamento Universitario 2022-2026, a metodoloxía do Plan Estratéxico da Universidade da Coruña e os convenios aprobados en Consello de Goberno da UDC.

Durante a reunión, celebrada de maneira telemática, aprobouse por unanimidade o informe para a proposta de implantación do Grao e Máster en Intelixencia Artificial para o curso universitario 2022/2023. Ademais, a UDC contará co Máster Universitario en Ensino do Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua.

Tamén se deu luz verde á emisión do informe sobre a proposta de modificación de cinco graos e cinco másteres universitarios para o próximo curso. Son os seguintes: Grao en Enxeñería Mecánica; Grao en Tecnoloxías Industriais; Grao en Enxeñería Naval e Oceánica; Grao en Enxeñería Electrónica Industrial e Automática; Máster Universitario en Materiais Complexos: Análise Térmica e Reología; Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica; Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde; e Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada.

O pleno do Consello Social da UDC tamén procedeu a renovar a composición das súas comisións permanentes e representacións externas.

Entre outros puntos da orde do día, aprobou a aceptación da doazón de diverso material tecnolóxico de Julio C. Brégains Rodríguez á Universidade da Coruña.

Comparte este artículo

Arquivos