O Pleno do Consello Social recibe ao reitor electo da UDC e visita a Cidade das TIC

O Pleno do Consello Social recibe ao reitor electo da UDC e visita a Cidade das TIC

O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña recibiu ao reitor electo da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, na súa cuarta e última sesión ordinaria do ano celebrada no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC. O presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, deu a benvida ao novo reitor desexándolle éxito no seu mandado e ofreceu o traballo do Consello Social “para unir forzas e esforzos na procura de excelencia” da UDC.

A reunión tamén foi unha despedida ao reitor saínte, Julio Abalde Alonso, que finalizaba o seu mandato máximo. O presidente do Consello Social trasladou a Julio Abalde e a todo o seu equipo o seu agradecemento por “a colaboración, o respecto e a lealdade” mantida co Consello Social durante os oito anos de mandato.

Nomeamento na Xerencia da UDC

Nesta sesión, o Pleno acordou nomear de acordo co reitor a María Jesús Grela Barreiro, xefa do Servizo de Retribucións da UDC, como nova xerente da institución académica.

Grela Barreiro substitúe no cargo a Ramón do Valle López, para o que Antonio Abril tivo unhas palabras de agradecemento e recoñecemento polo seu labor na súa etapa como xerente impulsando “importantes cambios na área de xestión de persoal e mellorando cualitativamente a transparencia da información financeira”.

Informe sobre a prórroga dos orzamentos da UDC

A continuación, a Universidade da Coruña informou o Pleno sobre a prórroga dos orzamentos correspondentes ao exercicio 2023; a cotización á Seguridade Social do alumnado que realiza prácticas curriculares e extracurriculares non remuneradas e os convenios aprobados polo Consello de Goberno.

Ademais, na mesma sesión, os membros do Pleno aprobaron por unanimidade a proposta de tarifas dos Servizos de Apoio á Investigación para o exercicio 2024. Tamén se deu luz verde á proposta de complemento retributivo autonómico de recoñecemento á excelencia curricular a profesores da UDC correspondentes á convocatoria B-22 e a convocatoria 2022; ao calendario tentativo de Plenos do Pleno do Consello Social para o próximo ano 2024; e á proposta de doazón á Universidade do arquivo profesional do arquitecto Xosé Bar Bóo.

Ao mesmo tempo, o Pleno informou favorablemente a proposta de modificación do Mestrado Universitario en Biofabricación, en colaboración coa Universidade de Vigo e a USC.

Ademais, designouse a Juan Ignacio Borrego como representante do Consello Social no Padroado da Fundación Universidade da Coruña.

Visita institucional á Cidade das TIC

Ao termo da sesión, os membros do Pleno realizaron unha visita institucional e guiada á Cidade das TIC, futuro polo galego de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, a cargo do reitor da institución académica, Julio Abalde.

O percorrido comezou no edificio central de administración, para continuar por Galaxy Lab, laboratorio avanzado de intelixencia artificial aplicada a drons, e finalizar nas diferentes dependencias do Centro de Servizos Avanzados (CSA), no que se desenvolveu a reunión ordinaria do Consello Social.

Comparte este artículo

Arquivos