O Pleno do Consello Social visita o CITIC e celebra a súa segunda sesión ordinaria

O Pleno do Consello Social visita o CITIC e celebra a súa segunda sesión ordinaria

O Pleno do Consello Social da Universidade da Coruña, reunido o 21 de xullo de 2022 na súa segunda sesión ordinaria do ano celebrada na Sala ‘Cloud’ do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación, aprobou por unanimidade a Memoria do Consello Social correspondente ao exercicio 2021; as contas da Fundación Universidade da Coruña correspondentes ao exercicio 2021 e a modificación dos Estatutos da Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia; a proposta de complemento retributivo autonómico de recoñecemento polos cargos de xestión a profesores da UDC (Convocatoria 2021); a proposta de complemento retributivo autonómico de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora aos profesores da UDC (Convocatoria 2021); e a proposta de doazón a Universidade da Coruña do Fondo Distrito Mineiro da Coruña e Fondo Isidro Parga Pondal.   

Nesta sesión a Universidade tamén informou sobre o nivel de execución orzamentaria da Universidade no primeiro semestre de 2022 e sobre o fondo de eficiencia e mellora estratéxica e a incorporación da Universidade de Santiago de Compostela á Agrupación de Interese Económico SIGMA. 

Asemade, o Pleno informou favorablemente o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2022/2023. 

Na mesma reunión informouse favorablemente a proposta de implantación de nove novos mestrados universitarios e a proposta de modificación do Grao de Náutica e Transporte Marítimo; o Programa de Doutoramento en Ciencias da Saúde; o Mestrado Universitario en Ciberseguridade e o Mestrado Universitario en Planificación e Xestión de Destinos Turísticos.   

Tamén se levou a cabo a emisión favorable do informe sobre a solicitude da Universidade relativa á aprobación do Centro de Investigacións Tecnolóxicas Navais e Industriais (CITENI), por transformación do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), como Centro de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, ao abeiro do previsto no art. 8.3 da Orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do 26 de marzo de 2021, pola que se regula o procedemento de aprobación de centros e institutos de investigación do Sistema universitario de Galicia (DOG nº 68, de 13 de abril de 2021). No mesmo senso, o Pleno pronunciouse favorablemente sobre a solicitude da Universidade relativa á aprobación do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), como Centro de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, ao abeiro da devandita orde. 

O Presidente do Consello Social, D. Antonio Abril Abadín, informou aos membros do Pleno sobre o proxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) aprobado polo Consello de Ministros, o 21 de xuño de 2022, que está en fase de tramitación parlamentaria polo procedemento de urxencia.    

Visita institucional ás instalacións do CITIC 

A reunión do Pleno estivo precedida dunha visita institucional ao Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), un entorno científico e técnico de referencia na institución académica coruñesa. O director e o subdirector do CITIC, Manuel Penedo e Javier Pereira, acompañaron aos membros do Pleno no seu percorrido no que puideron coñecer en profundidade as modernas instalacións. Entre elas, destacaron o Laboratorio de Realidade Virtual e Localización, a Sala Demostrador e os proxectos punteiros que se están a desenvolver en eidos tan importantes como a intelixencia artificial, a ciencia de datos, a robótica ou a ciberseguridade. 

Comparte este artículo

Arquivos