A Cámara de Comercio de España participa no proxecto europeo WEXHE (Integrating entrepreneurship and Work Experience into Higher Education) para mellorar a relación entre a Universidade e a empresa respondendo á preocupación sobre as deficiencias na orientación laboral da mocidade e buscando un equilibrio entre a aprendizaxe teórica e práctica dos graduados. A Cámara é un dos 10 socios de 7 países europeos que forman parte da Alianza do Coñecemento para Integrar o Espírito Emprendedor e a Experiencia Laboral na Educación Superior.
Durante os últimos tres anos, WEXHE analizou máis de 80 casos de estudo das áreas de ciencias puras, ciencias experimentais, humanidades e ciencias sociais e, entre os elixidos, atópase o programa Laboralia, organizado polo Consello Social da Universidade da Coruña.
Laboralia é un programa de orientación laboral dirixido a graduados, cuxo principal obxectivo é contribuír a mellorar a inserción laboral e fomentar a cultura empresarial no eido universitario. No marco do programa, os participantes tamén reciben consellos sobre as mellores estratexias para fortalecer o seu perfil e aumentar o potencial de oportunidades de éxito no desenvolvemento profesional. Anualmente, organízanse xornadas coa fin de facilitar a incorporación ao mercado laboral e incrementar a empregabilidade.
Máis información sobre Laboralia aquí.