O secretario xeral de WWF España participa no ciclo de conferencias En Código Abierto

O secretario xeral de WWF España participa no ciclo de conferencias En Código Abierto

O ciclo de conferencias En Código Abierto que organiza a Cátedra Inditex – UDC de Sostibilidade  inicia a súa edición do curso 2022/2023 cunha sesión na que participará Juan Carlos del Olmo, secretario xeral de WWF España. O experto conservacionista e divulgador expoñerá a dobre emerxencia mundial climática e de biodiversidade na súa charla “Informe Planeta Vivo, alerta vermella para a natureza (e para a humanidade)”.

Ao remate da conferencia, para facilitar o contacto entre as persoas asistentes, terá lugar un breve encontro de networking no vestíbulo do Paraninfo.

WWF España: Informe Planeta Vivo

O Informe Planeta Vivo, publicación insignia de WWF, achega cada dous anos unha completa análise das tendencias da biodiversidade mundial e a saúde do planeta. A súa última edición foi presentada en 2022 e é a máis exhaustiva ata a data. Nela advírtese da grave deterioración dos ecosistemas terrestres e acuáticos, e a necesidade urxente de reverter unha situación que está intrinsecamente relacionada co quentamento global, para o que é necesario un cambio profundo nos sistemas de produción e consumo, así como na xestión dos gobernos e do mundo financeiro.

Juan Carlos del Olmo é secretario xeral de WWF España, unha das maiores organizacións independentes dedicadas á defensa do medio ambiente, ademais de membro de diferentes grupos de traballo e entidades ambientalistas. Durante anos compaxinou a súa actividade conservacionista coa divulgación e a realización de documentais sobre a biodiversidade de España e Latinoamérica. Dirixiu e participa en numerosos proxectos relacionados coa protección da biodiversidade e a loita contra o cambio climático e é membro do Consello Asesor de Medio Ambiente e de diferentes consellos de organismos públicos e privados nacionais e internacionais relacionados coa defensa do medio ambiente.

Acceso á conferencia

A charla terá lugar o 23 de febreiro ás 19:30 horas no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña. Se ben é de acceso libre, pódese formalizar a inscrición nesta ligazón, na que tamén é posible solicitar un certificado de asistencia. No caso de non poder  atender a charla  presencialmente, este mesmo enlace da o acceso á retransmisión en directo vía streaming, unha nova opción posta en marcha para facilitar que as conferencias de En Código Abierto cheguen a todo o mundo.

Máis información en www.catedrainditex.com

Comparte este artículo

Arquivos