O primeiro Open Day de AddVenture xerou gran interese entre a comunidade emprendedora. O medio centenar de participantes rexistrados a esta xornada de portas abertas en liña escoitaron con atención a unha representación de alumnos da anterior edición de AddVenture.
Santiago Lago, director artístico e impulsor de Musikt, e Sofía Gil e Alberto Fojo, socios da plataforma educativa Redexiz, trasladaron en primeira persoa a súa experiencia no programa de formación en emprendemento e pormenorizaron como cursar AddVenture lles axudou a impulsar a súa idea de negocio.
Os tres alumni coincidiron en resaltar a parte práctica e aplicativa de AddVenture. “A pesar de estudar Administración de Empresas, non tiña claro como empezar a emprender a miña idea e o programa deume as pautas e ferramentas necesarias para poder levalo a cabo e facelo realidade”, sinalou Santiago Lago, emprendedor musical. Engadiu que AddVenture é tremendamente útil para poder validar a túa idea, xa que non só se abordan as ferramentas de análises e estratexias para levalas a cabo, senón que se aplica.
No caso de Redexiz profundaron en como AddVenture lles axudou a orientar o seu proxecto inicial, derivando nun emprendemento do mesmo sector, pero cun enfoque con maiores oportunidades de negocio. “A nosa proposta abarcaba unha ampla gama de servizos e o programa axudounos a centrarnos nun público en particular, especializándonos nun servizo determinado”, explicou Sofía Gil.
Todos coincidiron en destacar a importancia das mentorías para resolver dúbidas de forma individualizada e específica. Puxeron, ademais, de relevancia os proxectos dos seus compañeiros de promoción. “Nós somos un exemplo dos 17 emprendementos que formaron parte da nosa edición, a diversidade de ideas e de sectores foi enorme”, indicou Alberto Fojo. Desde proxectos baseados en fabricación de drons, intelixencia artificial, arte floral, servizos de asesoría e márketing a empresas, etc. “Todos encaixan no programa e posibilítanos aprender uns doutros, aínda que sexan sectores diferentes, facendo comunidade”, engadiron.
Os tres alumnos e alumnas responderon as dúbidas dos asistentes, que foron moi activos.
O director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, profundou na importancia do emprendemento entre os estudantes e titulados universitarios. Sinalou que a comunidade universitaria interesouse maioritariamente por este programa orientado a axudar á incorporación da innovación e as competencias nos proxectos emprendedores desde o primeiro momento.
AddVenture 2022 presenta diferentes novidades como o cambio de periodicidade respecto ao ano anterior para fomentar a conciliación coa vida profesional e incorpora un novo módulo de sustentabilidade. Este é un aspecto clave en calquera proxecto emprendedor ou que en calquera negocio que queira asegurar o seu futuro a longo prazo. Ademais, ao longo desta edición están previstas varias masterclass ao longo do programa con emprendedores e profesionais de diferentes ámbitos e xornadas de networking relevantes para a comunidade emprendedora.
A directora de Corporate de Teamlabs e coordinadora académica de AddVenture 2022, Irati Lekue, debullou os contidos do programa baixo a metodoloxía ‘ learning by doing’ –aprender facendo-. “É unha experiencia proactiva, válida para calquera proxecto estean na fase que estean, non só en fase semente”, indicou.
O programa, 100% en liña, conta con sesións individuais e en grupo, asesorías individualizadas, mentorías para cada un dos alumnos e proxectos e unha xornada final, que se celebra en presencial, no que 5 expertos independentes en diferentes campos analizarán os proxectos para formalos en roldas de financiamento.
O 16 de febreiro finaliza o prazo de inscripción para a edición 2022 do programa de emprendemento AddVenture, que comezará o curso o vindeiro mes de marzo.
Inscríbete aquí: https://addventureudc.com/