Os 25 anos da UDC na Coruña e Ferrol a través dunha exposición

Os 25 anos da UDC na Coruña e Ferrol a través dunha exposición

A Universidade da Coruña organiza a exposición “25 anos de UDC. A universidade na Coruña e Ferrol”, que pode verse na Fundación Barrié ata setembro, mes no que se trasladará a Ferrol.

O obxectivo da mostra é dar a coñecer á cidadanía as actividades realizadas nos campus coruñés e ferrolán da UDC ao longo deste cuarto de século. Para iso, o seu comisario, o profesor Narciso de Gabriel, confeccionou esta exposición coa traxectoria docente e investigadora da Universidade da Coruña, motor científico e innovador do norte de Galicia.

A exposición, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Fundación Barrié e La Voz de Galicia, articúlase en tres partes que percorren a historia e evolución da UDC. A primeira, “As Escolas Profesionais”, que aínda se conservan hoxe, traslada ao visitante ao século XIX e os antecedentes da entidade. A segunda, “Universidade de Santiago na Coruña e Ferrol”, fai referencia ao período entre 1970 e 1989, cando xurdiron nas dúas cidades diversos centros adscritos á USC. Por último, “Universidade da Coruña”, céntrase na evolución da UDC nos seus 25 anos de vida, desde 1989 ata a actualidade, así como na formulación do futuro da institución.

A mostra conta con paneis con fotografías, textos e gráficos, así como vídeos sobre os 23 doutores e doutoras Honoris Causa nomeados pola UDC. Ademais, nela pódense observar documentos e instrumentos de grande valor histórico, coma o cronómetro Hornby & Son Richard, ca. 1840 da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas.

A exposición enmárcase nos actos que a UDC realiza para conmemorar o seu 25 aniversario e nos que participa activamente o Consello Social da UDC como órgano de participación da sociedade nos actos vinculados á universidade nesta efeméride.

Comparte este artículo

Arquivos