Os equipos colaborativos do programa Talentos Inclusivos amosaron esta mañá os seus progresos ó delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e ó xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, na súa visita á sede de ASPACE Coruña en Sada. Ambolos dous puideron coñecer en profundidade e en primeira persoa como se está a desenvolver este proxecto de tecnoloxía inclusiva no que colaboran o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC, como unha das súas liñas estratéxicas.
A iniciativa, na que participan 8 centros educativos da provincial, ten un dobre obxectivo: fomentar vocacións científicas entre a mocidade (STEM) e visibilizar a problemática da diversidade funcional. O proxecto pretende achegar solucións tecnolóxicas específicas e creadas especialmente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a provincia da Coruña asistiron á sesión de seguimento entre ASPACE Coruña, o CITIC e CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña. Este centro está a desenvolver un dron programado con microbit para que poida ser controlado cun ‘joystick’ adaptado, que permita ser utilizado co movemento da man ou da cabeza. O equipo de estudantes está explorando a posibilidade de programar o dron a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías inalámbricas. Na visita a ASPACE Coruña tamén puideron ver o funcionamento doutras propostas deseñadas polos centros educativos, como xoguetes adaptados e o Makey Makey, un mando para adaptar a todo tipo de xogos.
Nesta sesión de seguemento aos equipos colaborativos, os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez; a directora xerente do centro, Sonia Ruiz; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Spósito.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, destacou que Talentos Inclusivos é un “proxecto único e moi innovador, cun beneficio social para as persoas con parálise cerebral e que implica ao alumnado, a través da tecnoloxía, nunha realidade habitualmente descoñecida”.
Este proxecto recibiu, ademáis, unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.