
A Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade inaugura a nova edición do seu ciclo En Código Aberto coa conferencia “Como desmontar a nata montada: xestionando a complexidade na empresa e na sociedade”, a cargo de Paolo Gaudiano, fundador e científico xefe de Aleria, empresa tecnolóxica especializada en diversidade e inclusión.
A charla terá lugar o vindeiro 4 de marzo ás 19:30 h no Paraninfo do Reitorado da UDC. Pode consultar a localización aquí. Ao remate da conferencia, para facilitar o contacto entre as persoas asistentes, terá lugar un breve encontro de networking no vestíbulo do Paraninfo.
Que teñen en común as neuronas da nosa retina, unha bandada de aves, un equipo de fútbol e unha empresa? Todos son exemplos de sistemas complexos: un conxunto de moitos elementos no que o comportamento global do sistema emerxe —ás veces de forma imprevisible— a partir dos comportamentos e das interaccións dos elementos individuais.
Tras introducir os conceptos clave, a ponencia presenta un enfoque que combina as ciencias do comportamento e as simulacións por ordenador, e ilustra a súa aplicación a unha serie de problemas do mundo real. A continuación, a charla mostra como, utilizando este mesmo enfoque, as empresas poden integrar os conceptos de inclusión e meritocracia para acadar maiores beneficios e incrementar a satisfacción do seu equipo humano.
Paolo Gaudiano é o fundador e científico xefe de Aleria, empresa tecnolóxica especializada en diversidade e inclusión. Conta con formación en enxeñaría aeroespacial e neurociencia. Foi profesor titular na Universidade de Boston e impartiu docencia na Universidade de Tufts, na Universidade Municipal de Nova York e na Universidade de Nova York, ademais de presidir a Conferencia Anual de Investigación sobre Diversidade e Inclusión – Annual Diversity & Inclusion Research Conference (DIRC).
É autor do libro Measuring Inclusion, impartiu dúas charlas TEDx e colabora de forma habitual con publicacións de referencia. O seu traballo foi recoñecido con diversos premios e bolsas nos ámbitos do emprendemento social, a robótica e a neurociencia.
Aínda que a conferencia é de acceso libre, débese formalizar a inscrición nesta ligazón, na que tamén se pode solicitar un certificado de asistencia. No caso de non poder asistir á charla presencialmente, nesta mesma ligazón hai acceso á retransmisión en directo vía streaming.
O Ciclo de Conferencias En Código Aberto está promovido pola Cátedra Inditex-UDC de Sostibilidade. A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou hai máis dunha década a creación da cátedra, froito do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria en 2010. A coordinación desta iniciativa está a cargo do Consello Social da UDC, na súa calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.