O Consello Social da Universidade da Coruña participou o venres 2 de decembro na inauguración do Foro I+D+C ‘A Coruña cidade de Innovación’, organizado pola UDC en colaboración co Concello e a Deputación. A cita tiña como eixe dar a coñecer iniciativas no ámbito da innovación e o emprendemento, así como analizar a estrutura económico-empresarial da cidade e a súa área metropolitana, a fin de examinar as súas vantaxes competitivas. O obxectivo das xornadas foi a procura de conclusións “que poidan ser útiles para a formulación de estratexias conxuntas, xeración e sinerxía, e a identificación dos focos de actuación preferente para o deseño de políticas públicas”.
No acto participaron o presidente do Consello Social, Antonio Abril; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o reitor da UDC, Julio Abalde; e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
O propio presidente do Consello Social foi o encargado de abrir o evento, sinalando ao talento como o punto esencial para o fomento da innovación e o emprendemento na cidade. “O verdadeiro motor da economía é o talento”, asegurou, e indicou que “a competitividade” é un factor para ter moi en conta. Pola súa banda, o reitor Julio Abalde asegurou que dende a Universidade deben “ser capaces de transferir a través da innovación e o coñecemento”, polo que profundou na idea de “abrir as portas” da súa institución para atraer a empresas e organismos sociais.
O alcalde coruñés Xulio Ferreiro tamén se referiu a esta capacidade, da que dixo que non é incompatible coas “fórmulas de cooperación”, que ve imprescindibles para que se poida desenvolver o tecido innovador na cidade, xa que “é imposible avanzar en solitario”. Pola súa parte, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia de “facilitar a transferencia do coñecemento entre o mundo da empresa e a universidade”, algo que debe ir acompañado de “fortes investimentos”. Tamén animou a todos os sectores implicados a “unir esforzos para xerar sinerxías” coas que axudar ao tecido empresarial da cidade.