Innovación, Emprendemento e transferencia de coñecemento

Premios Impulso UDC e Confianza UDC

Premios Impulso UDC, Confianza UDC e Emprende UDC

Acto de entrega dos Premios Consello Social UDC 2019/2020.

O fomento das relacións universidade-sociedade constitúe o punto de partida da estratexia do Consello Social da Universidade da Coruña. Os Premios Impulso UDC, aos grupos de investigación máis competitivos; Confianza UDC, ao compromiso da empresa coa universidade; e Emprende UDC, á idea emprendedora máis innovadora, pretenden contribuír a este fin, poñendo en valor as boas prácticas desenvolvidas pola UDC en materia de colaboración universidade-empresa e emprendemento.

O Premio Impulso UDC recoñece o labor dos grupos de investigación que destacan significativamente na consecución de obxectivos clave para o desenvolvemento, modernización e sustentabilidade das universidades públicas españolas. Valora en particular as accións desenvolvidas nos seguintes ámbitos: transferencia de coñecemento ao sector produtivo, internacionalización e captación de recursos externos.

O Premio Confianza UDC nace con vocación de recoñecer o apoio das empresas e institucións que colaboraron coa Universidade da Coruña no desenvolvemento de proxectos e iniciativas innovadoras nos ámbitos da I+D+i, docencia e extensión universitaria. O seu obxectivo último, por tanto, é recoñecer a confianza depositada polas institucións na Universidade da Coruña.

O Premio Emprende UDC pretende outorgar recoñecemento público aos estudantes e titulados da UDC coa mellor idea emprendedora da UDC. Valóranse preferentemente as iniciativas que destaquen polo seu carácter innovador, potencial para converterse nun proxecto empresarial, viabilidade técnica e económica, madurez do proxecto, impacto económico e social para a contorna, potencial de creación de emprego de calidade, carácter multidisciplinar do equipo e grao de desenvolvemento do proxecto.