Presentación do informe español do Eufori Study

Presentación do informe español do Eufori Study

O sector de fundacións de investigación e innovación acaba de ser mapeado por primeira vez para España nun estudo dirixido pola profesora da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña Marta Rey, no marco do proxecto comparativo EUFORI (European Foundations for Research and Innovation). Este proxecto de investigación abrangue 29 países europeos e está promovido e financiado pola Comisión Europea. Só as fundacións españolas participantes no estudo suman máis de 4.690 millóns de euros en activos, 980 millóns de euros en ingresos e 773 de gastos (2012).

O informe español, que contén unha exhaustiva análise cuantitativa e cualitativa das 458 fundacións de investigación e innovación activas en España e unha selección de iniciativas innovadoras no contexto europeo, pode descargarse de forma gratuíta no servizo de publicacións da Comisión Europea. O estudo foi presentado na décima edición dos Premios Universidad Empresa, o 26 de novembro, na Fundación Ramón Areces, Madrid. Ademais, o 14 de decembro tivo lugar a presentación oficial do estudo para toda Europa nun workshop organizado pola Comisión Europea, en Bruselas. Sobre esta presentación pode consultarse a información publicada polo Servicio de Información y Noticias Científicas (SINC).

Tras máis de dous anos de traballo, a investigadora coruñesa e o profesor da Universidad de Oviedo Luis Ignacio Álvarez conseguiron mapear por vez primeira, cuantitativa e cualitativamente, o sector de Fundacións cuxa área de actividade principal consiste en financiar, xestionar e/ou apoiar a Investigación e a Innovación en España. Ademais de investigadora principal para España do Eufori Study, a profesora Rey é fundadora e membro do órgano de goberno da European Research Network on Philanthropy (Red Europea de Investigadores en Filantropía), da que proceden moitos dos investigadores do proxecto.

Pese á crise, a investigadora destaca que “só sumando as cifras das fundacións que proporcionaron datos económicos entre as 208 que responderon o cuestionario online, obtéñense máis de 4.690 millóns de euros en activos, 980 millóns de euros en ingresos e 773 en gastos” (datos de 2012). Neste sentido, entre os seus resultados, o estudo sinala que este tipo de entidades españolas, ademais de ter medrado rapidamente e estar relativamente institucionalizadas, teñen “una estrutura de ingresos moi diversificada”.

En canto á internacionalización, o sector de fundacións de investigación e innovación españolas avanzou nos últimos anos pero ten aínda “un longo camiño por percorrer”. Non obstante, apunta a profesora da UDC, existe entre as mesmas “un grande interese por coñecer as expectativas que a Comisión Europea ten sobre o rol que poden xogar no desenvolvemento dunha economía do coñecemento e unha vontade decidida por seguir aumentando a cota española nas convocatorias do Horizonte 2020”, programa marco de investigación e innovación da Unión Europea.

Fronte ao 47% das fundacións de investigación e innovación europeas que se autocualifican como “financiadoras”, en España só un 17% se declaran financiadoras no sector, destacando outros modelos de creación de valor para a sociedade radicalmente diversos. Entre eles, o estudo español subliña cinco segmentos ben diferenciados: fundacións patrimoniais, xeralmente vinculadas a empresarios ou ás súas familias; fundacións corporativas; fundacións creadas por outras entidades non lucrativas; fundacións instrumentais de entidades públicas, como hospitais ou universidades, e fundacións que xestionan centros ou parques tecnolóxicos, grupos ou institutos de investigación.

Preguntada sobre os puntos de mellora no sector das fundacións de investigación e innovación, a IP para España do Eufori Study apunta a unha baixa complementariedade do financiamento fundacional privado respecto ás liñas de acción públicas “ligado a un déficit de transferencia nas fundacións privadas” e a un déficit de orientación á innovación nos fundadores públicos.

 

 

Comparte este artículo

Arquivos