O 27 de abril de 2015 celébrase a primeira reunión da Comisión Universidade-Empresa da Cámara de Comercio de España, presidida por Antonio Abril Abadín e que se crea co obxectivo de cooperar e xuntar esforzos para o necesario fortalecemento da relación entre a universidade e a empresa. Esta comisión está formada por representantes de empresas, de institucións públicas e de universidades.
A Cámara de Comercio de España é o órgano de representación e coordinación de todas as Cámaras de Comercio territoriais, ante instancias estatais e internacionais. Desempeña un labor activo como órgano consultivo e de colaboración coa Administración Xeral do Estado, responsabilizándose do deseño e execución dos Plans Camerais de Competitividade e de Internacionalización da empresa española. Ademais, asume funcións complementarias en materia económico-empresarial para as empresas, para a rede de Cámaras de Comercio territoriais e para as institucións de demais axentes económicos e sociais. Caracterízase, entre outras cousas, por ser unha organización de referencia para a colaboración público-privada.
Nesta primeira sesión da comisión, ponse de relevancia a necesidade de traballar coa Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, coa Fundación CYD, así como coa Conferencia de Reitores de Universidades Españolas. Tamén se debate e realizan propostas que a comisión pode levar a cabo sobre normativa e informes de interese en materia de política universitaria, inserción laboral e transferencia de resultados. Todos os integrantes están de acordo en que a comisión debe traballar, sensibilizar e promover a necesidade de cambio na universidade.
Ademais de Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC, tamén forma parte do comité executivo da Cámara de Comercio de España, o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler, membro tamén do pleno do Consello Social da UDC.