Sustentabilidade, Internacionalización e Inclusión

Programa INTALENT

2019-intalent-investigadores-equipo-gobierno-udc
Investigadores InTalent xunto ao presidente do Consello Social, o reitor e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia en 2019.

InTalent é un programa promovido pola Universidade da Coruña (UDC), e financiado por Inditex S.A, para a captación, retorno, no seu caso, e xestión de talento investigador excelente. A súa finalidade é a contratación, en réxime de concorrencia competitiva e con pleno respecto dos principios de publicidade e obxectividade, de investigadores posdoutorais con proxección e ampla traxectoria internacional, procedentes de calquera parte do mundo.

Os investigadores que acceden ao programa deben acreditar un mínimo de tres anos de experiencia postdoutoral; polo menos dous anos de experiencia en centros de I+D de recoñecido prestixio internacional; unha traxectoria investigadora excelente; capacidade de xerar coñecemento novo; potencial como investigadores independentes e unha prometedora carreira científica.

InTalent ofrece aos investigadores seleccionados un contrato que lles vincula á UDC cun salario competitivoEngade a isto, ademais, estabilidade profesional e unha partida orzamentaria para impulsar o desenvolvemento do seu proxecto e o acceso ás instalacións, servizos e equipos necesarios para executalo. Estes investigadores tamén imparten docencia nos graos e posgraos da UDC, e colaboran coa propia institución en actividades de divulgación.

Durante os tres primeiros anos de vixencia do programa leváronse a cabo tres procesos de selección en que participaron 316 investigadores de 48 nacionalidades distintas, procedentes dos cinco continentes. Os seis investigadores incorporados até a data conseguiron recoñecementos de ciencia excelente en áreas de investigación tan diversas como o desenvolvemento biomédico de sensores intelixentes para enfermidades dexenerativas e de nanomateriais para a rexeneración celular; a antropoloxía social en comunidades rurais; a obtención de biomateriais para a rexeneración de cartilaxes en humanos; as disrupcións históricas no proceso de transformación da cultural medieval á cultura moderna; a desigualdade de xénero na esfera pública ou a exploración de técnicas de renderización e iluminación avanzadas para a visualización científica.

Así mesmo, os investigadores InTalent lograron acceder a fontes de financiamento externo a través de programas de ciencia excelente autonómicos, nacionais ou europeos, que lle reportaron xa á UDC uns ingresos próximos aos seis millóns de euros, o que implica un retorno aproximado de catro euros por cada euro investido neste programa.

O Consello Social da Universidade da Coruña participou activamente no Comité de Deseño, Implantación e Impulso da estratexia de fundraising do Programa INTALENT.