Proxectos punteiros de IA probaránse na sala do Demostrador Tecnolóxico do CITIC

Proxectos punteiros de IA probaránse na sala do Demostrador Tecnolóxico do CITIC

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, participou hoxe co conselleiro Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o reitor da UDC, Julio Abalde, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na inauguración da nova sala Demostrador Tecnolóxico do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

A nova sala é un espazo de divulgación e demostración da actividade de I+D+i que se realiza no CITIC, o primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. O Demostrador Tecnolóxico será un espazo para amosar e testar proxectos punteiros en Intelixencia Artificial, disciplina na que a UDC é líder en Galicia, exhibindo tamén proxectos das restantes áreas do centro como Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade.

A sala está cofinanciada pola propia UDC e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Consello Social da UDC. O espazo está organizado en catro áreas. Reunións con sistema de videoconferencia, demostradores físicos, espazo de contornas virtuais e realidade aumentada e tótem de pósteres conforman a estrutura desta sala dotada con equipamento de alta tecnoloxía.

O presidente do Consello Social da UDC, xunto ó resto de autoridades, realizaron una visita á sala e as instalacións do CITIC acompañados do director do centro, Manuel González Penedo.

Comparte este artículo

Arquivos