Quince estudantes con discapacidade intelectual gradúanse no programa Espazo Compartido

Quince estudantes con discapacidade intelectual gradúanse no programa Espazo Compartido

A Facultade de Ciencias da Educación acolleu onte a cerimonia de graduación dos quince estudantes da promoción de Espazo Compartido, nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e que contou coa presenza do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; o director de Institucións Territorial de Galicia do Banco Santander, Luis Pernas; e a comisionada para Universidades, Xuventude e Planes Especiais de Fundación ONCE, Isabel Martínez Lozano.

Espazo Compartido é un programa de formación específica de posgrao en habilidades sociolaborais para persoas con discapacidade cognitiva, destinado a persoas cunha discapacidade cognitiva superior ao 33%, maiores de idade e que non teñen acceso á universidade. O curso, de dous anos de duración, realízase na Facultade de Economía e Empresa e conta con 275 horas de prácticas en empresa e entidades públicas. Está patrocinado por Banco Santander, Fundación Universia e Fundación ONCE.

Para o reitor, Espazo Compartido “demostra o compromiso da Universidade da Coruña coa construción dunha sociedade máis inclusiva e máis xusta”. “Como universidade pública debemos ir máis alá das nosas responsabilidades académicas e de investigación e ser partícipes do avance social”, engadiu. Pola súa parte, o presidente do Consello Social destacou “o compromiso dos patrocinadores e do equipo de gobierno da UDC co programa Espazo Compartido, coa aposta pola adquisición por parte de persoas con capacidade limitada de coñecementos e habilidades laborais para acceder en mellores condicións ao mercado de traballo e desenvolver de forma autónoma un proxecto de vida propio”. “Este programa aúna moitas vocacións do Consello Social, como son as políticas de responsabilidade social, a inserción laboral do estudantado e o fomento da colaboración universidade-empresa”, concluíu Abril.

As materias impartidas en Espazo Compartido inclúen Desenvolvemento Persoal, Matemáticas, Habilidades Laborais Básicas, Habilidades Sociais, Habilidades de Comunicación, Iniciación ás TIC, Ofimática e Internet, entre outras. O programa inclúe tamén talleres de formación transversal como Robótica, Fotografía, Música, Identidade Dixital, Baloncesto ou un Club de Lectura, entre outras propostas. No seu segundo ano, a formación transversal estivo focalizada no desenvolvemento dun proxecto de emprendemento e autoemprego, que reforzou as competencias da cultura emprendedora no alumnado. O período de prácticas profesionais, segundo explicou a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, directora académica de Espazo Compartido, rematou xusto este mes de xuño.

Ademais do programa de clases e do prácticum, o proxecto ofrece varios servizos de apoio, como asesoramento e orientación ao alumnado e ás súas familias, titorías académicas e coordinación con profesionais externos. Para atender todas estas necesidades, a Universidade conta cun equipo formado por profesionais da Educación Social, Terapia Ocupacional, Logopedia e Psicoloxía.

A Universidade da Coruña puxo en marcha no ano 2013 o proxecto Espazo Compartido por iniciativa da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e do Consello Social, como unha experiencia piloto, para formar dentro da universidade a persoas con discapacidade intelectual que non teñen acceso ás aulas universitarias. Este proxecto, pioneiro no Sistema Universitario Galego e un dos primeiros no sistema español, é unha firme aposta da UDC pola inclusión das persoas con discapacidade cognitiva na universidade.

O proxecto púxose en marcha a través da Unidade de Atención á Diversidade da UDC, co patrocinio de Banco Santander a través de Santander Universidades e da Fundación Universia, que agora se consolida a través do patrocino tamén da Fundación ONCE, coa que se asinou un convenio marco pouco antes do acto de graduación. No seu desenvolvemento colabora ademais o Consello Social da Universidade da Coruña. O éxito da iniciativa fixo que en 2014 se ampliase a formación plantexada en principio nun ano, a un segundo curso máis coa inclusión de prácticas laborais. Ao ano seguinte ampliouse a formación un terceiro máis, realizando un período de prácticas en empresas máis amplo. No ano 2016 deuse por finalizada a etapa piloto e plantexouse o programa formativo estable cunha duración de dous cursos académicos e que, para esta terceira promoción xa é un título propio da Universidade da Coruña.

Comparte este artículo

Arquivos