Reunión da Comisión de Asuntos Económicos

Reunión da Comisión de Asuntos Económicos

A Comisión de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais do Consello Social da UDC, presidida por D. Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social, reuniuse no día de onte, no exercicio das competencias de control e supervisión das actividades económicas da Universidade que lle corresponden, para analizar a situación económica da Universidade da Coruña, a raíz da resolución conxunta ditada o 17 de xuño de 2015 pola Vicerreitoría de Planificación Económica e Infraestruturas, e a Xerencia da UDC, acordando a suspensión temporal de compromisos de gastos con cargo ao orzamento de 2015.

A Vicerreitora de Planificación Económica e Infraestruturas acudiu a esta reunión, a invitación do Consello Social, para explicar, conxuntamente co Xerente da UDC, o contexto e as razóns que motivaron a citada resolución. Á vista da información proporcionada pola Universidade durante a reunión, a Comisión de Asuntos Económicos, Financeiros e Patrimoniais,

Primeiro. Considera axeitada e razoable a medida de suspensión temporal de compromisos de gasto con cargo ao orzamento 2015, coa finalidade de facer fronte á situación de falta de liquidez da tesourería.

Segundo. Constata que a UDC carece de débeda financeira e que, dado que a devandita falta de liquidez se debe á non percepción en prazo de ingresos previstos, as medidas adoptadas só afectan, temporalmente, a novos compromisos de gasto con cargo a financiamento propio do orzamento 2015, e non a novos compromisos que puidesen adquirirse con cargo a fondos externos e/ou finalistas, nin aos compromisos de gasto formalizados con anterioridade ao 17 de xuño de 2015, cuxa tramitación seguirá o seu curso normal.

Terceiro. Avala a iniciativa da Universidade de presentar, no máis breve prazo de tempo, ante o Consello de Goberno e ante o Pleno do Consello Social, unha proposta de axuste do orzamento correspondente ao exercicio 2015, a fin de recuperar a situación de equilibrio orzamentario.

Cuarto. Insta ás administracións públicas competentes da Xunta de Galicia e á Universidade a formalizar, coa maior brevidade, un plan de reequilibrio orzamentario que permita á UDC recuperar o normal funcionamento da institución e evite maiores prexuízos á comunidade universitaria e á sociedade.

Quinto. Solicita que no novo Plan de Financiamento do SUG, actualmente en proceso de negociación, se arbitren medidas que permitan reducir o déficit histórico de financiamento que vén padecendo a UDC, de maneira que tensións de tesourería como as actuais resulten máis improbables.

Comparte este artículo

Arquivos