A segunda sesión do ciclo de conferencias ‘En Código Aberto’, da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social, contou esta mañá coa presenza de Sebastián Royo Medina, catedrático de Ciencia Política no Departamento de Goberno e vicerreitor da Suffolk University, que impartiu a conferencia ‘Crise económica e crise institucional. Que aprendemos?’.
O acto celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC), coa presenza entre os asistentes do conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, e coa intervención do presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Calvo Silvosa; e a directora da Cátedra Inditex-UDC de Responsabilidade Social, Marta Rey García.
Sebastián Royo Medina realizou unha análise das consecuencias da crise económica e das valiosas leccións que se poden extraer desta experiencia: “Temos que aprender dos erros que cometemos no pasado, se queremos evitalos no futuro. Temos que ser capaces de recoñecer que a responsabilidade da crise financeira non vén só do lado dos debedores, senón tamén do lado dos acredores”.
O catedrático e vicerreitor da Suffolk University, en Boston (Estados Unidos), engadiu que “a recesión rematou, pero a crise aínda continúa”. Royo Medina explicou que aínda queda camiño por diante ata que se cheguen a superar as consecuencias da crise: “Imos tardar anos en resolver algúns dos problemas estruturais que temos en España. Necesitamos economías sustentables, deixar de pensar a curto prazo, finanzas públicas estables, competitividade, mercados laborais flexibles e pensións sustentables”.
Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC e secretario xeral de Inditex, destacou que non se fixo ata agora unha “reforma profunda das universidades”, a pesar de que considera fundamental abordar este debate: “Estamos obrigados a facer unha sociedade e unha economía do talento, onde as universidades teñen que estar presentes”.