Sophie Muller, representante de Acnur España, pecha a edición 2022/2023 do ciclo En Código Aberto

Sophie Muller, representante de Acnur España, pecha a edición 2022/2023 do ciclo En Código Aberto

O ciclo de conferencias En Código Aberto que organiza a Cátedra Inditex–UDC de Sustentabilidade pechará a súa edición do curso 2022/2023 da man de Sophie Muller, Representante de ACNUR España, quen abordará os desafíos da protección das persoas desprazadas forzosamente, sete décadas despois da Convención de Xenebra de 1951 sobre o Estatuto dos Refuxiados.

Na súa charla “Retos actuais da acción humanitaria e a protección das persoas refuxiadas”, a experta de Nacións Unidas analizará as prioridades estratéxicas que é necesario impulsar tanto en España como no resto da comunidade internacional para poder facer fronte á cifra histórica de 103 millóns de persoas obrigadas a fuxir.

A sesión, de asistencia libre ata completar aforo, celebrarase o xoves 1 de xuño ás 19.30 horas no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña. Ademais, a conferencia poderá seguirse vía streaming na canle de Youtube da Cátedra.

Vinte anos traballando polos dereitos das persoas refuxiadas

Sophie Muller licenciouse en Dereito e Ciencias Políticas na Universidade de Montpellier, ademais de cursar un máster en Dereito na Universidade Pierre Mendès e outro en Administración Pública Internacional, Dereitos Humanos e Negociacións Internacionais na Universidade de París 2.

Durante máis de 20 anos, dedicouse ao ámbito dos dereitos humanos. Comezou a súa carreira na empresa privada e posteriormente uniuse ao sistema de Nacións Unidas, comezando pola Organización Internacional do Traballo. En 2001 incorporouse á oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) na súa sede en Xenebra. Do 2009 ao 2012 traballou na oficina de ACNUR en Burundi como Xefa de Oficina de Campo en Ruyigi e máis tarde foi nomeada Oficial de Protección Senior, para coordinar o traballo de ACNUR na protección e asistencia a refuxiados congoleños, así como no retorno voluntario e a reintegración de refuxiados e desprazados internos burundeses e persoas apátridas.

Desde 2012 ata 2015 foi asesora do entón Alto Comisionado para os Refuxiados, António Guterres, actual Secretario Xeral de Nacións Unidas, e coordinou en Filipinas os traballos en resposta á situación humanitaria provocada polo tifón Haiyan. Ademais, realizou funcións de asesoría legal e política no Bureau Rexional para Asia e o Pacífico, cubrindo 45 países e territorios, incluíndo 13 Estados insulares no Pacífico. Desde o 1 de outubro de 2019, Sophie Muller é a Representante en España do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados.

Comparte este artículo

Arquivos