Talentos Inclusivos botou o peche á súa terceira edición cunha feira científica celebrada no museo Domus da Coruña no que se expuxeron as 17 solucións tecnolóxicas desenvolvidas polos preto de 200 alumnos participantes. O secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, participou no acto e na entrega de diplomas e recoñecementos aos 10 institutos participantes neste curso 2022/2023 que traballaron estreitamente cos usuarios de Aspace Coruña para dar resposta aos retos propostos.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla Fernández, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, agradeceron a confianza depositada neste proxecto por parte de todas as institucións implicadas, entre as que destaca o Consello Social da Universidade da Coruña, que impulsou e apoiou Talentos Inclusivos desde o primeiro momento e ao longo destes tres anos de traxectoria.
Esta edición caracterizouse pola apertura a colexios de toda Galicia, o que supuxo a participación do CPR Santa Teresa de Jesús de Ourense. O instituto ourensán sumouse ao IES Miraflores de Oleiros; IES Terra de Trasancos de Narón; Calasanz PP. Escolapios da Coruña; IES de Ortigueira; IES Rego de Trabe de Culleredo; IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta da Coruña; IES Saturnino Montojo e IES Sofía Casanova de Ferrol; e o IE As Mariñas de Betanzos. Estes 9 institutos pertencen á provincia da Coruña.
Entre os proxectos desenvolvidos nesta terceira edición co obxectivo de facer máis sinxela a vida das persoas con parálise cerebral, os alumnos mostraron a resolución a retos como a adaptación de videoxogos clásicos para utilizar en terapias de rehabilitación; bingos adaptados; mesas sensoriais ou diferentes adecuacións de embocaduras para pintar; unha app xeolocalizadora de prazas de discapacidade no concello da Coruña; aplicacións para mandos de TV adaptados; e diferentes elementos impresos en 3D que melloran o agarre.
Durante a celebración da feira levouse a cabo, ademais, unha xincana por equipos que consistiu en responder a unha pregunta sobre cada expositor. Entre os equipos con máis respostas correctas realizouse o sorteo dunha impresora 3D.
A presidenta de Aspace Coruña, Carmen Barreiro Santos, puxo unha vez máis en valor o proxecto xa que está a mellorar de maneira clara a calidade de vida dos usuarios e usuarias de Aspace, “traendo, ademais, moita ilusión e moito traballo”.
Pola súa banda, o director do CITIC, resaltou que Talentos Inclusivos é un proxecto único, “non só na nosa comunidade, senón en toda España e todos os anos superamos as expectativas facendo chegar a tecnoloxía a un sector que moitas veces é o gran esquecido neste ámbito”.
Talentos Inclusivos é un programa que ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado e dar visibilidade á discapacidade.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da UDC xunto con Aspace Coruña promove este proxecto colaborativo que conta co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Precisamente, o convenio asinado recentemente coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta propiciou que o programa se estendese a centros educativos de toda Galicia.