A segunda edición de Talentos Inclusivos, proxecto apoiado desde os seus inicios polo Consello Social da Universidade da Coruña, chegou ao seu fin coa presentación de preto dunha vintena de solucións tecnolóxicas desenvolvidas por parte dos estudantes de secundaria participantes para mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral.
O acto, celebrado no Salón de Graos das Facultades de Socioloxía e Comunicación da UDC, estivo presidido polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, que felicitou ao alumnado polo éxito dos retos desenvolvidos e suliñou o firme compromiso da Universidade da Coruña coa inclusión e o fomento de vocacións STEAM. Na súa quenda de intervención, o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado, quen asistiu en representación do presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, sinalou no seu discurso que “Talentos Inclusivos é un exemplo do modelo de universidade pública á que aspira o Consello Social”, que debe impartir unha educación técnica especializada impregnada en valores, que respete e poña en valor o talento diverso. “É un programa que cambia a mentalidade da mocidade, porque os seus aprendizaxes se poñen ao servizo da xustiza social, o benestar da comunidade e da nova relación que teceron con outro un ser humano”, explica.
Durante todo o curso escolar, preto de 200 estudantes de secundaria e bacharelato de 10 centros educativos da provincia da Coruña, xunto con arredor de 30 usuarios e usuarias de ASPACE, resolveron retos tecnolóxicos propostos polos propios usuarios, para facilitar diferentes actividades da súa vida diaria. Estes desenvolvementos xa teñen aplicación real, posto que están sendo utilizados polo centenar de usuarios de ASPACE Coruña. “Falamos de formar na vocación de servicios, na educación en valores, en definitiva, de humanismo dixital”, resaltou o secretario do Consello Social da UDC.
Talentos Inclusivos, posto en marcha polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, ten o obxectivo de espertar vocacións tecnolóxicas entre a xuventude, á vez que trata de sensibilizar sobre a diversidade funcional. Os equipos de estudantes presentaron os seus traballos, introducidos polo investigador principal do proxecto e subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, e a coordinadora do proxecto en ASPACE, Iria Robles Viqueira.
Os centros educativos participantes nesta segunda edición foron o IES Miraflores de Oleiros, que desenvolveu ramplas de accesibilidade en impresión 3D; o Colexio Calasanz PP. Escolapios de Coruña, que realizou un comunicador en contorna Scratch que interactúa con Alexa; o IES Terra de Trasancos de Narón, que elaborou un dado electrónico con Arduino con carcasa con impresora 3D e un licornio en impresión 3D; o IES de Ortigueira, cun timbre inalámbrico adaptado para avisar ao coidador; o IES Sofía Casanova de Ferrol, que creou adaptacións dun timbre inalámbrico, un mando a distancia de televisión e o videoxogo Tetris, así coma un xogo de luces para traballar a mobilidade; o IES Agra do Orzán da Coruña produciu un xogo de luces para traballar a mobilidade e un mesturador de datos con pulsador; o IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta da Coruña levou a cabo os retos dun dominó para persoas con baixa visión e diferentes elementos de ocio-musical controlados por sensores; o IES As Mariñas de Betanzos desenvolveu unha mesa de luz sensorial e un dominó adaptado; o IES David Buján de Cambre realizou produtos de accesibilidade para o ordenador e a tablet con impresión 3D; e o IES Rego de Trabe de Culleredo elaborou un comunicador en téxtil intelixente que envía mensaxes en resposta a estímulos.
Ademais da presenza do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, e do secretario do Consello Social de la UDC, Jesús Spósito Prado, a mesa do acto contou con diferentes autoridades. A presidenta de ASPACE Coruña, Carmen Barreiro Santos, asegurou que Talentos Inclusivos “supuxo un antes e un despois en ASPACE, xa que cambiou a vida das persoas da nosa entidade”. Pola súa banda, a directora do departamento de Cultura Científica e da Innovación da FECYT, Rosa Capeáns Garrido, quixo salientar que “Talentos Inclusivos reflexa como o futuro da comunicación científica inclusiva está xa ocorrendo, posto que axuda a facer que a ciencia e a tecnoloxía cheguen a todo o mundo”. Seguidamente, a subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Mª Eugenia Pérez Fernández, manifestou que a “Consellería está traballando conxuntamente co CITIC para potenciar o programa, que é un caso de éxito de colaboración entre institucións para avanzar cara un modelo educativo plenamente inclusivo”. Finalmente, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña e membro do Consello Social da UDC, Jesús Celemín Santos, eloxiou aos estudantes por ser “un exemplo de cara onde debe camiñar a sociedade” e destacou a importancia da educación en valores.
O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, pechou o evento e avanzou que o proxecto contará cunha terceira edición, na que se seguirá traballando “para conseguir unha sociedade más xusta, máis inclusiva e máis solidaria”. Tamén indicou que “Talentos Inclusivos está aliñado co obxectivo principal do CITIC, que é proporcionar coñecemento científico nas TIC en beneficio da sociedade”.