A primeira edición do programa Talentos Inclusivos chegou ao seu fin coa presentación dos 10 proxectos tecnolóxicos que dan solución a outros tantos retos propostos por parte dos usuarias e usuarios de Aspace Coruña aos 8 institutos coruñeses participantes.
O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña acolleu a demostración e clausura dun programa considerado xa emblemático dentro da institución académica coruñesa pola súa contribución ao impulso das profesións STEM, a aprendizaxe en valores, o traballo en equipo e o uso da tecnoloxía para promover a igualdade de oportunidades.
Ao acto de clausura, presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, acudiu unha representación do alumnado participante, dos usuarios e usuarias de Aspace Coruña; Nona Inés Vilariño, membro do Consello Social da UDC en representación do mesmo; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor; o concelleiro de Educación do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín; e a directora da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( Fecyt), Inma Aguilar, que entrou por teleconferencia.
Talentos Inclusivos arrincaba o pasado decembro. O Consello Social da UDC e o Centro de Investigación TIC da UDC colaboran na súa posta en marcha e no que tamén participan Aspace Coruña, Fecyt e a Xunta de Galicia. No seu desenvolvemento estiveron implicados máis de 100 alumnos e alumnas dos institutos coruñeses: IES Terra de Trasancos de Narón; Colexio Calasanz Escolapios da Coruña; IES Miraflores de Oleiros; IES Sofía Casanova de Ferrol; IES David Buján de Cambre; IES Ortigueira; IES As Mariñas de Betanzos e Salesianos da Coruña.
Ao traballo do alumnado de Secundaria uniuse o dos mentores e profesores do CITIC, pero, sobre todo, o dos usuarios e usuarias de Aspace Coruña que se mostraron entusiasmados coas probas dos diferentes desafíos. Cos seus consellos, os proxectos lograron o obxectivo que se perseguía: a súa utilidade e beneficios na mellora da súa vida diaria.
Os usuarias e usuarios de Aspace Coruña demostraron ‘in situ’ como manexar, entre outros, a cadeira de rodas cun novo sistema anticolisión; os coches para exploración temperá adaptados; un dron controlado coa cabeza; videoxogos clásicos adaptados; diferentes produtos de apoio a través de impresión 3D e diferentes xoguetes infantís que foron modificados para un uso máis sinxelo.
A exposición e mostra de proxectos deixou constancia do enxeño despregado polo alumnado de secundaria para dar solución aos retos a través da tecnoloxía, senón tamén o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e a súa persistencia para lograr o éxito.
Nona Inés Vilariño, membro do Consello Social da UDC e quen acudiu en representación da entidade, recalcou a capacidade dos estudantes de poñerse no lugar do outro. “Talentos Inclusivos vai máis aló dun traballo colaborativo entre talentos diferentes cunha ferramenta tan poderosa coma a tecnoloxía. Senón que pon en valor outra das capacidades máis humanas que existen, a empatía. Poñerse nos zapatos do outro para poder entendelo e, desde a posición do outro, poder axudalo”, explicou.
Encomiou o dominio da tecnoloxía que demostraron os grupos participantes, pero lembrou que a tecnoloxía debe estar ao servizo da humanidade. “O humanismo dixital ten que fortalecerse, as persoas deben estar sempre no centro”, insistiu.
Nona Inés Vilariño trasladou o parabén a todo o equipo que fixo posible o desenvolvemento de Talentos Inclusivos e aseguro que o Consello Social da UDC seguirá apoiando este tipo de iniciativas no futuro.