Talentos Inclusivos, proxecto apoiado polo Consello Social da UDC, alcanza a súa cuarta edición como unha actividade formativa e inclusiva consolidada e estendida xa a toda Galicia. O presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, copresidió o acto de presentación do programa celebrado no auditorio da Domus da Coruña. Abril Abadín resaltou que Talentos Inclusivos é un proxecto que “concibimos como un exemplo claro do potencial da Universidade da Coruña para impulsar a innovación social a través da educación, a investigación e a transferencia de coñecemento”.
Lembrou que o principal obxectivo dos Consellos Sociais é velar pola satisfacción das necesidades e expectativas da sociedade por parte da Universidade, entre eles, dar resposta á inclusión, “un reto e necesidade de primeiro orde”. Talentos Inclusivos é un referente neste campo, “como tamén o é no ámbito da formación en competencias tecnolóxicas, o impulso do humanismo dixital e o compromiso social”.
O acto de posta de longo contou coa participación do novo reitor da institución académica, Ricardo Cao Abad; a directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón; a concelleira de Innovación, Movilidad e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; a presidenta de Aspace Coruña, María del Carmen Barreiro Santos; e o director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), Manuel González Penedo.
Esta edición 2023/2024 preséntase con novidades. A primeira delas, a participación do alumnado de 15 centros educativos de secundaria, formación profesional e bacharelato de toda Galicia. A segundo ten que ver coa incorporación das asociacións Amencer-ASPACE e APAMP como colaboradoras.
Talentos Inclusivos, promovido polo CITIC e Aspace Coruña, cumpre un dobre obxectivo: espertar vocacións STEM entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos cooperativos de traballos que tratarán de resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional.
Entre os retos detectados para este curso destacan o desenvolvemento de soportes de impresión 3D para a guía de bicicletas, unha cámara de fotos accesible, timbres inalámbricos, fechaduras electrónicas, unha mesa para arteterapia e rehabilitación, adaptadores de mandos para videoconsolas, adaptadores de xogos como ou “Simón di” ou un ventilador holográfico.