Talentos Inclusivos pon en marcha a súa terceira edición coa participación de 10 centros

Talentos Inclusivos pon en marcha a súa terceira edición coa participación de 10 centros

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, asistiu á presentación da terceira edición de Talentos Inclusivos, proxecto que a institución que representa apoia desde os seus inicios e no que colabora estreitamente para a súa posta en marcha cos seus promotores, o Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) da UDC e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace Coruña). “Talentos Inclusivos entronca directamente cos valores e os principios polos que traballa o Consello Social”, sinalou.

Entre estes obxectivos destacou que a Universidade sexa unha entidade socialmente responsable en toda a súa dimensión, “requisito para a súa excelencia”, apuntou, e lograr un modelo educativo máis inclusivo que faga realidade o principio de igualdade de oportunidades para todos. A este respecto, o presidente do Consello Social asegurou que “esta iniciativa é un exemplo claro de que estamos no bo camiño e que a nosa universidade se preocupa pola satisfacción das necesidades e expectativas reais da sociedade”.

A terceira edición de Talentos Inclusivos, que se estenderá desde novembro deste ano ata xuño de 2023, contará coa participación de 10 institutos de secundaria e bacharelato. O alumnado participante traballará para buscar soluciones TIC aos retos detectados e expostos polos usuarios de Aspace Coruña cos que formarán diferentes equipos colaborativos. A totalidade dos retos a resolver concretaranse ao longo deste mes, pero cinco deles xa se definiron previamente: a creación dun xeolocalizador de prazas de discapacidade dentro do territorio do Concello da Coruña; un botón adaptado para o aceso e apagado dun computador; a adaptación do guiador en impresión 3D para persoas con diminución de forza motora ou parálise parcial (hemiparesia); un showroom de habitación domotizada; e un soprador de velas adaptado.

Exitosas edicións I e II 

As dúas edicións anteriores resultaron moi exitosas coa participación de máis de 270 estudantes de Secundaria de 11 institutos da provincia da Coruña, 30 usuarios e usuarias e Aspace Coruña e case unha trintena de solucións tecnolóxicas adaptadas que a día de hoxe fan moito máis sinxela a vida diaria das persoas con discapacidade do centro Aspace.

Ambas as edicións demostraron a potencia de Talentos Inclusivos pola súa contribución a diferentes aspectos de enorme relevancia, incidiu Antonio Abril Abadín. “Falamos de pequenos grandes cambios nos proxectos de vida das persoas con parálise cerebral axudándolles a desenvolverse con maior autonomía no día a día; a satisfacción e felicidade dos estudantes que achegan o seu traballo xa que lles permite coñecer outras realidades e valorar máis o que teñen, obtendo unha aprendizaxe persoal imposible de esquecer”, enumerou. Ademais, insistiu, de fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, un camiño necesario para mellorar a competitividade da nosa economía e visibilizar a realidade da discapacidade.

Todo iso coa tecnoloxía “como ferramenta poderosa que debe estar ao servizo das persoas”, destacando o humanismo dixital tan necesario no mundo actual. Na súa opinión, esta iniciativa reflicte a capacidade que ten a colaboración Universidade-Empresa-Terceiro Sector para “xerar polos de innovación capaces de contribuír a dignificar a vida das persoas con discapacidade e construír a universidade pública inclusiva á que aspiramos”.

Uns obxectivos polos que traballa o Consello Social da UDC que, ademais de apoiar o proxecto Talentos Inclusivos, puxo en marcha diferentes proxectos para o fomento da inclusión de persoas con discapacidade como Espazo Compartido e o Espazo de Políticas Públicas en Materia de Discapacidade, Atención á Diversidade e Igualdade de Oportunidades; e para a orientación laboral e a formación en competencias como Laboralia, con talleres formativos online sobre ciberseguridade, intelixencia artificial ou comunicación dixital que moven a máis de 300 rexistrados.

Presentación da terceira edición de Talentos Inclusivos con presenza das institucións

A presentación da terceira edición de Talentos Inclusivos contou coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Imma Aguilar; a presidenta de ASPACE Coruña, María del Carmen Barreiro Santos; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

O peche contou coa intervención de dúas usuarias de Aspace Coruña e representantes do alumnado dun centro educativo que estivo implicado na edición anterior, quen trasladaron a súa experiencia nos equipos colaborativos. Pola súa banda, o subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, xunto ao fisioterapeuta de ASPACE Coruña, Rubén Carneiro, fixeron balance do traballo realizado nos anos anteriores e presentaron as liñas mestras desta terceira edición.

Desde o Consello Social da UDC desexamos a todos os participantes o mellor neste camiño de innovación e compromiso social. Seguiremos colaborando con axentes tan comprometidos e innovadores como os que forman parte deste proxecto: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/

Comparte este artículo