Sustentabilidade, Internacionalización e Inclusión

Programa Talentos Inclusivos

Presentación do programa no CITIC.

O programa Talentos Inclusivos é unha iniciativa que ten por obxectivo fomentar as vocacións STEM entre alumnos de bacharelato e visibilizar os retos aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral no seu día a día. O programa será impartido durante o curso académico 2020-2021 por 30 profesores da Universidade da Coruña, vinculados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), en estreita colaboración co profesorado de oito institutos e colexios de Galicia, que tutorizarán a equipos de traballo integrados por estudantes de bacharelato e persoas con discapacidade usuarias da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE Coruña).

Ao longo do programa, os usuarios de ASPACE propoñerán aos estudantes un reto da súa vida cotiá, para que estes desenvolvan, en grupo, e baixo a titorización do profesorado, unha posible solución tecnolóxica que permita mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.

Trátase dun proxecto impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE Coruña), a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) e o Consello Social da Universidade da Coruña.

Espazo 2.0

Reproducir vídeo