Converter unha idea de negocio en algo que se poida ensinar, unha web ou unha app (aplicación), adoita atascarse por falta de tempo, método e apoio técnico. Para acurtar ese camiño, os Consellos Sociais da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela organizan un taller presencial intensivo no que as persoas participantes aprenderán a construír esa primeira versión do seu proxecto ou idea de negocio coa axuda da intelixencia artificial, empregando linguaxe natural, con frases normais, como se llo explicasen a unha persoa, e sen necesidade de experiencia previa programando.
O taller, con 45 prazas dispoñibles, desenvolverase o vindeiro mércores 11 de marzo en horario de tarde e o xoves 12 de marzo en horario de mañá, na sala Cloud do Centro de Investigación en TIC (CITIC), situado no Campus de Elviña (A Coruña). Para asistir é necesario inscribirse. Asiste al taller práctico y sal con una demo navegable de tu idea: Rellenar formulario
A formación estará impartida por Daniel Alías, especialista en automatizacións, no-code e IA aplicada, e Álvaro Sánchez Villanueva, especialista en ciberseguridade e IA aplicada. O taller “De idea a prototipo con IA e linguaxe natural en 2 días” está pensado para alumnado, egresados, profesionais, persoas emprendedoras ou calquera persoa que teña unha idea e queira aterrala nunha primeira versión “en pantalla”. O enfoque é práctico, xa que se traballa cun método guiado para pasar dunha descrición clara do proxecto a unha web, unha mini app funcional ou un prototipo, cos elementos necesarios para poder presentalo, recoller feedback e seguir iterando.
Ao longo de dúas sesións abordaranse tres claves para avanzar rápido: unha introdución práctica á IA xerativa e a como empregala en tarefas reais de creación dixital, como redactar instrucións (prompts) que axuden a definir que construír e obter resultados máis precisos e como integrar servizos e automatizacións habituais en produtos dixitais, entendendo o esencial sen entrar en tecnicismos.
O taller finalizará cunha demo guiada, construíndo unha web ou mini app paso a paso, para que cada participante saia cunha base real e un método replicable para seguir mellorando o seu proxecto.
Máis información e inscricións en: Asiste al taller práctico y sal con una demo navegable de tu idea: Rellenar formulario