Obradoiro internacional en marketing expertise sobre comercialización da innovación e a tecnoloxía

Obradoiro internacional en marketing expertise sobre comercialización da innovación e a tecnoloxía

O director do proxecto do grupo de comercialización global no Instituto de Innovación, Creatividade e Capital da Universidade de Texas en Austin para os mercados de Corea do Sur e India, Salvador Analis, impartiu entre o 16 e o 19 de novembro de 2015 a segunda edición do Obradoiro Internacional de Marketing Expertise, unha iniciativa impulsada na práctica do Posgrado en Xestión Empresarial da Innovación e do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento da Universidade da Coruña.

Co obxectivo de achegar ás empresas e aos centros de innovación de Galicia as claves que rixen a comercialización de tecnoloxía nos mercados internacionais, así como facilitar a creación de riqueza empresarial a partir do coñecemento, o obradoiro centrouse nos temas máis concretos da captura do valor e o retorno económico das innovacións: criterios de reparto dos beneficios adicionais xerados pola innovación entre os inventores e os comercializadores encargados da súa posta no mercado; consideración de todos os eslabóns da cadea de valor; e os procedementos e práctica adecuados para a comercialización internacional de tecnoloxía.

Entre os resultados e conclusións das xornadas, destacou a necesidade de combinar a teoría coa acción; a importancia da investigación previa para a detección temprana de tendencias e posibilidades; e o papel ineludible da difusión de coñecementos e creación de capacidades de xestión en transferencia para facilitar a innovación e aumentar as taxas de éxito.

Os promotores do obradoiro -os profesores da UDC José Manuel Barreiro, J. Andrés Faíña, Rafael García Rodríguez, Antonio García Lorenzo e Cristina Calvo Porral- indican, pola súa banda, “a importancia clave deste tema para a competitividade e a xeración de riqueza empresarial a partir da innovación”. Neste sentido, suliñan que os coñecementos e a experiencia transmitida nestes obradoiros “son fundamentais para reforzar o sistema rexional de ciencia e innovación, estreitando os vínculos entre as universidades, os centros tecnolóxicos e as empresas para o desenvolvemento e valorización do coñecemento”.

A coordinación e xestión da visita do experto Salvador Alanis correu a cargo de Paulino Montes Solla e José María Losada, especialistas en xestión empresarial da innovación e colaboradores do Posgrado en Xestión Empresarial da Innovación.

 

Comparte este artículo

Arquivos