Tecnoloxía para a inclusión
presentación-talentos-inclusivos

O Consello Social da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación TIC (CITIC) colaboran na posta en marcha do proxecto Talentos Inclusivos, que pretende resolver algúns dos retos diarios aos que se enfrontan as persoas con parálise cerebral a través da aplicación da tecnoloxía.

A iniciativa, que conta coa participación de Aspace A Coruña e de ata oito centros de educación secundaria da provincia da Coruña, foi presentada hoxe, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no CITIC. O acto contou coa participación, a través de videoconferencia, do secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, e coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e do presidente do Consello Social e da Conferencia de Consellos Sociais de Universidades Españolas, Antonio Abril Abadín.

Tanto o representante da Xunta como o reitor coincidiron ao destacar a colaboración de todos os axentes do sistema educativo e da sociedade civil para facer posible o proxecto Talentos Inclusivos, que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. “Se algo ten que ser o sistema educativo é inclusivo”, subliñou Díez de Castro.

O presidente do Consello Social, pola súa banda, incidiu na importancia da formación “en valores humanos, vocación de servizo, mérito e compromiso”. Por este motivo, engadiu, “Talentos Inclusivos é un bo exemplo de que para educar en tecnoloxía hai que traballar desde o humanismo”.

A xerente de Aspace Coruña, Sonia Ruiz, agradeceu ás entidades e institutos participantes esta alianza colaborativa que “fusiona ciencia e innovación nun marco de responsabilidade social para lograr a sociedade que queremos”.

O subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, explicou que as aplicacións desenvolvidas serán probadas polos usuarios de Aspace, que farán as propostas de mellora correspondentes “para que sexan o máis funcionais posible”.

Precisamente os propios usuarios da entidade son os protagonistas do vídeo sobre a iniciativa, que foi proxectado durante o acto de presentación.

Centros adheridos
Os centros educativos que confirmaron a súa implicación na iniciativa son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos A Coruña e IES David Buján (Cambre).

Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos desenvolverán ao longo do curso escolar diferentes solucións tecnolóxicas ás problemáticas diarias expostas polos usuarios e usuarias de Aspace. Facilitar o cambio de canles de televisión nun mando a distancia adaptado ou evitar obstáculos con cadeira de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.

No marco de Talentos Inclusivos, crearanse equipos de colaboración entre os estudantes e os membros de Aspace, que contarán coa axuda e asesoramento dos seus profesores e de 30 docentes da Universidade da Coruña.

Trátase, en definitiva, da primeira vez que se pon en marcha un espazo de traballo diverso e inclusivo co obxectivo, por unha banda, de visibilizar a problemática coa que se atopan a diario as persoas con parálise cerebral e, por outro, de fomentar as vocacións TIC e STEM entre estudantes de Secundaria e Bacharelato.

Comparte este artículo

Arquivos