A Universidade da Coruña, Fundación Universia e Banco Santander uníronse para consolidar o proxecto educativo Espazo Compartido, que permite ofrecer formación académica na Universidade a persoas con discapacidade cognitiva leve. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, e o vicepresidente de Banco Santander e presidente de Santander España, Rodrigo Echenique Gordillo, asinaron esta mañá o acordo que permite afianzar este programa da UDC. A universidade é un referente para a sociedade e co programa Espazo Compartido, a UDC quere “trazar o camiño a seguir para integrar á xente nova con discapacidade”, explicou o reitor asegurando que “o modelo social no tratamento das discapacidades pasa por que a sociedade se adapte ás necesidades das persoas con discapacidade e non á inversa”. “Con Espazo Compartido estamos derribando un muro que até agora parecía insalvable e que poucos se atreveran a afrontar: o muro da integración de persoas con discapacidade cognitiva nos nosos campus”, declarou Abalde.
O vicepresidente de Banco Santander e presidente de Santander España, Rodrigo Echenique, felicitou á UDC por este proxecto universitario que se enmarca dentro do apoio á educación superior iniciada polo banco hai 20 anos porque “estamos convencidos de que non hai mellor investimento que a educación”, asegurou. “A nosa misión como banco é contribuír ao desenvolvemento das persoas, das empresas e da sociedade no seu conxunto e pensamos que a colaboración coas universidades é o mellor medio para acadala, porque a universidade é o motor máis potente para o crecemento económico e social e o axente de transformación social máis importante”, sinalou.
Pola súa parte, o presidente do Consello Social manifestou a súa satisfacción por renovar este acordo de colaboración público-privada. “Este é un camiño que nos gusta percorrer no Consello Social para que a universidade sexa un verdadeiro motor da sociedade”, revelou Abril engadindo que “nestes días en que se busca especialización nas universidades, é un orgullo dicir que a UDC ten un claro compromiso social e unha especialidade en innovación social”.
O Programa Espazo Compartido
Espazo Compartido é un proxecto académico de formación sociolaboral para persoas con discapacidade cognitiva leve. Trátase de persoas maiores de 18 años que non teñen nivel académico suficiente para acceder á universidade, a maioría non realizou estudos completos de educación secundaria, e desta forma poden obter ao finalizar un certificado de competencias que lles facilite a inserción laboral.
A UDC, unha das primeiras universidades de España e a única no Sistema Universitario Galego en implantar Espazo Compartido, comezou co proxecto de forma experimental no ano 2013. O programa foise redeseñando durante estes anos e actualmente consta de tres cursos nos que se combinan a formación presencial nas aulas coa formación práctica en empresas, como Inditex, Fundación Santiago Rey, Cruz Vermella, Padre Rubinos, Decathlon, R o Ikea, entre outras firmas. Ademais do programa académico, o proxecto inclúe sesións de apoio e atención ás familias. Os alumnos deste programa, quince estudantes por curso, teñen clase de luns a xoves en horario de nove da mañá a dúas da tarde impartidas por profesorado especializado nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación, e clases de apoio e titorías durante as tardes e a xornada do venres.
A formación que reciben non se limita a unha especialidade concreta senón que se plantexa dentro dun enfoque amplo que capacite ao alumnado para o desempeño de funcións auxiliares en diferentes postos, principalmente de apoio administrativo e de atención ao público. Este curso está estruturado en dous cuadrimestres nos que estudan Desenvolvemento Persoal, Habilidades Comunicativas, Matemáticas e Economía, Preparación para o Emprego, Novas Tecnoloxías e Prospección de Emprego. O período de prácticas laborais abarca oito semanas en empresas cun total de 200 horas.
A UDC conta cunha Unidade de Atención á Diversidade, promotora desta iniciativa impulsada pola Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social e o Consello Social. A vicerreitora, Araceli Torres Miño, insistiu esta mañá en que “as persoas con discapacidade cognitiva teñen e deben estar tamén presentes no contexto universitario e este programa é o espazo perfecto para iso”. Torres trasladou a Rodrigo Echenique e ao presidente do Consello Social o “agradecemento que nos transmiten continuamente os alumnos de Espazo Compartido e as súas familias”.
A Universidade da Coruña foi a primeira universidade galega coa que o banco Santander comezou a colaborar no ano 1999 e desde entón o apoio foi ampliándose con diferentes programas. Ademais de Espazo Compartido, Santander colabora co programa de bolsas da UDC para atraer aos mellores estudantes de mestrado, cos premios aos estudantes excelentes de grao, o apoio a novos emprendedores a través do programa Santander-Yuzz ou a emisión da tarxeta intelixente como soporte do carné universitario. Banco Santander é a empresa privada que máis inviste en apoio á educación no mundo (Informe Varkey/UNESCO-Fortune 500) a través de Santander Universidades e mantén 1.200 acordos de colaboración con universidades e institucións de 22 países.