A UDC presenta a súa Memoria de Responsabilidade Social

A UDC presenta a súa Memoria de Responsabilidade Social

A Universidade da Coruña vén de presentar a súa Memoria de Responsabilidade Social Universitaria (RSU) 2017/2018 nun acto presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social Social da UDC, Antonio Abril Abadín, e que contou coa participación da presidenta do operador de satélites de comunicacións Hispasat e da Comisión de Auditoría e de Nomeamentos e Retribucións de Hisdesat, Elena Pisonero Ruiz.

Pisonero falou da responsabilidade social dende unha perspectiva tecnolóxica na que se que avoga pola democratización da rede: “Hai illamento social por culpa da brecha dixital, hai xente excluída e outra demasiado metida no mundo tecnolóxico”. Tamén fixo fincapé no ritmo de produción actual: “A hiperconectividade e o efecto bolboreta son beneficiosos, os cambios constrúense sobre os cambios”, e sinalou que ten a sensación de que certas institucións non son conscientes desta aceleración. “Antes o mundo era secuencial, agora pasou a ser exponencial”, e deu as claves para poder adaptarnos aos constantes cambios: “É necesario conectar todas as disciplinas e recombinar ideas”.

A Memoria de RSU amosa o compromiso da Universidade coa transparencia dos resultados da actividade de transferencia e colaboración universidade-empresa. En base a estas liñas, Abalde sinalou a importancia da Memoria de Responsabilidade Social: “Temos que ser capaces de romper a idea de que a universidade está illada da sociedade e abrir canles comunicativas con empresas que tamén forman parte do noso tecido”.

Abalde aproveitou para resaltar os retos aos que se enfronta a Universidade: ”Estamos vivindo un momento de cambio na sociedade, un cambio moi acelerado, polo que as disciplinas de formación son multidisciplinares”. E destacou algunhas das iniciativas que fan de ponte coa empresa: “A CICA, o CITIC, o CITEEC e o Centro de Investigación Tecnolóxico permítennos avanzar creando esta ponte entre as actividades dos grupos de investigación e as empresas. Cremos que esta relación universidade-empresa ten que ter base institucional. Para iso elaboramos cátedras institucionais: actualmente temos 11 e imos camiño da duodécima”.

Pola súa parte, Abril destacou o valor engadido desta Memoria por ser froito da cooperación público-privado. Ademais remarcou o compromiso do Consello Social da UDC e da CCS: “Queremos xerar cultura de talento para prestar e mellorar continuamente os servizos universitarios para satisfacer as necesidades da cidadanía e as empresas”. E marcou os tres piares desta memoria: “Compromiso, rendición de contas e transparencia”.

Entrega dos Premios Consello Social da UDC

Acto seguido da presentación da Memoria de Responsabilidade Social, o Consello Social da UDC fixo entrega dos seus Premios 2018/2019 para recoñecer a excelencia dos investigadores, o alumnado e as empresas, así como o seu vínculo coa institución académica.

O Premio Impulso UDC recibiuno o Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC) pola súa contribución á transferencia do coñecemento innovador desenvolvendo unha gran cantidade de proxectos. O seu coordinador, Juan Touriño Domínguez, foi o encargado de recoller o premio: “Agradecemos á Facultade de Informática e ao CITIC a súa implicación e esperamos abordar máis proxectos con eles”.

Aldaba Servicios Profesionales obtivo o Premio Confianza UDC pola súa aposta pola colaboración Universidade-Empresa para o desenvolvemento de proxectos e iniciativas innovadoras nos campos da I+D+i, docencia e extensión universitaria. José Antonio Castelao Boo, o seu director, destacou que a colaboración co CITIC permitiu competir en primeira liña e resaltou a confianza xerada coa universidade.

Finalmente, a iniciativa IT Fabricación Digital S.L (ITFAB) recibiu o Premio Emprende UDC por tratarse dunha empresa moza fundada por un grupo de antigos alumnos da UDC que destaca pola súa singular aposta pola innovación. Carlos López Crespi, director, recolleu o premio e trasladou a idea de que emprender é unha tarefa dura e que “é menos importante a idea que como se executa”.

 

 

Comparte este artículo

Arquivos