A UDC, o Consello Social e SANFI acordan a segunda edición de ‘Finanzas para Mortais’
firma-SANFI-UDC-CS-segunda-edicion-finanzas

A UDC, o Consello Social e SANFI acordan a segunda edición de ‘Finanzas para Mortais’

A Universidade da Coruña (UDC), o Consello Social da UDC, Banco Santander e a Fundación UCEIF, a través do Santander Financial Institute ( SANFI), asinaron esta mañá un convenio de colaboración para poñer en marcha na UDC a segunda edición do programa de formación “Finanzas para Mortais”.

Finanzas para Mortais é unha iniciativa de educación financeira cun gran recoñecemento en España. O ano pasado recibiu o premio á Mellor Iniciativa nos Premios Finanzas para Todos 2018, patrocinados polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Este programa, promovido por Banco Santander, a Universidade de Cantabria e UCEIF a través de SANFI, forma aos mozos e a grupos en risco de exclusión nos conceptos básicos das finanzas para axudalos no seu día a día e na toma de decisións con responsabilidade. En 2018, celebráronse 1.105 sesións presenciais con máis de 25.000 participantes e máis de 28.900 horas de formación, co apoio de 900 voluntarios do Santander, entre empregados activos, prexubilados e xubilados.

Co obxectivo de transmitirlle ao alumnado a importancia das finanzas e da economía no seu día a día, a UDC e o Consello Social da Universidade apostan por unha segunda edición deste programa dada a boa acollida do ano pasado, que se celebrou o 13 e 14 de marzo de 2019.

O reitor da UDC, Julio Abalde, resaltou que “nun mundo complexo como o actual este tipo de formación en finanzas é imprescindible para os universitarios, non só para o seu desenvolvemento profesional senón tamén persoal”. “A UDC está a apostar por esta formación transversal e disrruptora e por iso é fundamental contar con iniciativas como Finanzas para Mortais”, agradeceu o reitor.

Pola súa banda, Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC, agradeceu o compromiso do Banco Santander coa Universidade e destacou a necesidade de que haxa profesionais transversais. “Este programa, que se puxo en marcha o curso pasado, é un dos que máis éxito e satisfacción do alumnado ten na UDC porque os estudantes cada vez máis queren competencias transversais básicas e o coñecemento en finanzas é unha de elas”, explicou Abril.

A directora territorial de Banco Santander en Galicia, Rosario García, agradeceu ás institucións asinantes o seu compromiso coa educación financeira que para o Santander é un factor crave de inclusión para contribuír á redución das desigualdades, aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e para actuar como un banco responsable; e agradeceu tamén o labor dos formadores e voluntarios Santander pola súa implicación de maneira altruísta e exemplar nun proxecto tan importante como Finanzas para Mortais.

O director xeral da Fundación UCEIF e SANFI, Francisco Javier Martínez, puxo de relevo a transcendencia deste programa porque “a mellora da cultura e a educación financeira permitirán tomas decisións máis sustentables”.

Comparte este artículo

Arquivos