Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), presentou esta mañá o informe ‘Cuestións xurídico-administrativas ao redor da inclusión do alumnado universitario con discapacidade e necesidades especiais’, xunto cos membros do Proxecto CE10, autores do documento. Trátase do estudo máis completo feito ata o de agora a nivel nacional sobre esta materia, xa que se analizan as políticas sobre discapacidade impulsadas desde o ámbito universitario a través de programas de inclusión, guías estudantís, plans, proxectos e protocolos de todas as universidades públicas españolas.
Unha das tarefas máis laboriosas para poder sacar adiante este informe foi a recompilación de todas as normativas xurídicas ao respecto, tanto nacionais como europeas e internacionais, para complementar a análise global. Na presentación realizada esta mañá na Facultade de Dereito da UDC, Antonio Abril Abadín destacou que “o Consello Social está encantado de promover e impulsar actividades como esta de investigación en responsabilidade social. A RSC está dentro da UDC e iso agrádanos”.
O obxectivo é que este informe sirva de referencia a todas as universidades, tanto nacionais como internacionais, para que as recomendacións que se fan dende o estudo sexan de obrigado cumprimento para todas as universidades que pretendan ser inclusivas, de xeito que actúe como distintivo de calidade do bo facer das facultades á hora de fomentar a efectiva realización dos dereitos das persoas con discapacidade.
O Proxecto CE10 está formado por un grupo de investigadores da UDC que elaboraron este informe a modo de resumo do libro que leva o mesmo nome e que foi editado polo Consello Social. Francisco Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo; Marta García Pérez, profesora de Dereito Administrativo; e Paloma Caneiro González, doutoranda e investigadora da UDC, tamén interviñeron na presentación do informe.
“A miña experiencia persoal serviume, en moitos casos, de improvisado test de avaliación dos diversos plans e programas analizados. Así, cada descubrimento dun plan ou programa serviu para imaxinar en que medida variarían as condicións nas que me incorporei á Universidade”, sinalou Paloma Caneiro González.
Francisco Javier Sanz Larruga explicou que a universidade pode xogar un papel fundamental neste ámbito: “Dende a universidade queremos abrirnos ás persoas e colectivos relacionados coa discapacidade, e queremos axudar á súa inclusión no mercado laboral e na sociedade”.
As propostas do informe presentado esta mañá poden axudar a completar esa tarefa pendente, segundo Marta García Pérez: “Este estudo analiza a lexislación relacionada coas universidades e a discapacidade. E faino para propoñer melloras e cambios. Este traballo pide recursos económicos e asignación de persoas, pero tamén vontade e compromiso das universidades públicas españolas”.
Resumo executivo do informe (PDF)
Intervención completa de Paloma Caneiro González (PDF)
Máis información en www.ce10udc.com