Catro iniciativas de estudantes e titulados da UDC optan á categoría Emprende

Catro iniciativas de estudantes e titulados da UDC optan á categoría Emprende

Co obxectivo de recoñecer publicamente o labor de aqueles grupos de investigación, alumnos e empresas que contribuíran de xeito exemplar cos seus méritos e traballo ao fomento da innovación, ao emprendemento, á internacionalización e á posta en valor do coñecemento universitario no tecido produtivo, o Consello Social da Universidade da Coruña fallará os seus Premios 2018/2019 durante a sesión plenaria ordinaria que terá lugar o próximo 4 de xullo.

Os estudantes e titulados da Universidade da Coruña nos tres últimos anos na data de apertura do prazo de presentación de candidaturas (outubro de 2018) coa mellor idea emprendedora son os destinatarios da categoría Emprende UDC, que na convocatoria dos Premios Consello Social rexistrou catro solicitudes de participación.

Agile, ITFAB e Roady son os proxectos que, xunto á aplicación de construción de bosques deseñada por Samuel Huesca, presentáronse aos Premios Consello Social UDC na modalidade destinada a estudantes e recentemente titulados.

O primeiro de eles, Agile, é unha multiplataforma virtual creada por alumnos do Mestrado Universitario en Dirección e Administración de Empresas, que recolle conferencias, xornadas e charlas impartidas nas diferentes universidades españolas e estruturadas baixo “un estilo simple, fácil e intuitivo”.

Tamén de alumnado do MUDAE xorde a candidatura Roady, unha aplicación móbil que ofrece o acceso a vehículos estacionados nas inmediacións do usuario, que pode abrilos e empregalos “para realizar o desprazamento desexado” e puidendo aparcar, segundo refire a iniciativa, “en calquera zona dentro da área acoutada da Coruña sen pagar o estacionamento”.

Outra das aplicacións para dispositivos móbiles que protagonizan as candidaturas á categoría Emprende UDC é a proposta por Samuel Huesca, do Grao en Enxeñaría Informática. “Non so se pretende facer unha aplicación que sexa entretida, con accesos recorrentes e que xere ingresos, senón tamén que permita destinar boa parte dos mesmos á reforestación dos bosques en Galicia”, explica o candidato ao presentar o proxecto virtual que “permite ao usuario construír o seu propio bosque”.

ITFAB é unha empresa tecnolóxica que desenvolve solucións que abarcan o ciclo completo de fabricación de produto mediante impresión 3D e tecnoloxía 4.0. Entre os servizos que ofrece esta iniciativa posta en marcha por un graduado en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, destaca unha granxa (hub) de varias impresoras 3D, deseñadas e ensambladas polos propios membros do equipo; o asesoramento a empresas e particulares e a formación específica para empresas.

 

Comparte este artículo

Arquivos