O Consello Social da UDC presenta unha nova edición de Laboralia

O Consello Social da UDC presenta unha nova edición de Laboralia

O auditorio da sede de Afundación na Coruña acollerá o luns 30 de novembro e o martes 1 de decembro unha nova edición de Laboralia, programa de orientación laboral cuxo obxectivo é fomentar a cultura emprendedora e facilitar o achegamento do colectivo de universitarios ás dinámicas do mercado laboral en xeral, e da selección de persoal en particular.

Ao longo desta nova edición, os universitarios coñecerán as competencias e os perfís profesionais máis demandados polas empresas, e recibirán orientación sobre aspectos clave para o seu futuro profesional, como a planificación da busca de emprego e a preparación dunha entrevista de traballo. Laboralia 2015 fará visibles, tamén, experiencias exitosas de emprendemento, e intraemprendemento, orientadas á creación de valor social, e amosará o potencial da mobilidade internacional como vía para fortalecer o talento universitario.

O programa parte dunha metodoloxía baseada no diálogo directo con expertos en xestión de recursos humanos, empresarios e profesionais vinculados a entidades públicas e privadas, de recoñecido prestixio nacional. Dende a súa creación, máis de 1.000 estudantes e titulados tiveron a oportunidade de participar neste programa, que se postula como un dos foros Universidade-Empresa-Terceiro Sector máis concorridos da nosa cidade.

Trátase dun proxecto mediante o cal, o Consello Social da Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso coa mellora da empregabilidade dos mozos universitarios, a innovación no eido da educación superior e o fomento das relacións Universidade-Sociedade.

A inscrición manterase aberta ata o 26 de novembro, e poderase formalizar a través do portal web da Fundación Universidade da Coruña (FUAC), entidade que coa súa colaboración fai posible a organización deste proxecto.

Descarga aquí o programa dos Experience Days de Laboralia 2015.

Máis información en: www.laboraliaudc.com

Comparte este artículo

Arquivos