O presidente do Consello Social clausura as xornadas de Laboralia 2015

O presidente do Consello Social clausura as xornadas de Laboralia 2015

Laboralia clausurou con éxito a súa sexta edición. O programa de orientación profesional, empregabilidade e fomento do emprendemento no eido universitario celebrou o 30 de novembro e 1 de decembro as súas xornadas, organizadas polo Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña (FUAC).

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, participou na clausura destas xornadas de orientación laboral, no auditorio da Sede Afundación A Coruña, con entrada aberta ao público. Durante a súa intervención, destacou o importante papel que xogan iniciativas como Laboralia, un programa polo que pasaron máis de 1.000 estudantes e titulados universitarios durante as súas seis edicións. “O Consello Social é o órgano que favorece o acceso á formación laboral real e práctica, aspectos que non forman parte da formación regrada. Hai que adecuar as universidades ás necesidades reais do sector produtivo. A universidade debe ofrecer a formación que demanda a sociedade”, explicou o presidente do Consello Social.

Abril Abadín comentou que “non hai mellor inversión que a que se fai en educación”, engadiu que sería “vital desenvolver unha mentalidade global” e deixou unha reflexión sobre a forma en que lle gustaría que sexa o futuro das universidades: “Gustaríame que sexan prácticas, con novas metodoloxías e cunha participación real da sociedade na formación”.

Os participantes de Laboralia 2015 tiveron a oportunidade de coñecer as competencias e os perfís profesionais máis demandados polas empresas, escoitar os mellores consellos para entrar no mercado de traballo, descubrir ferramentas e recursos para emprender os seus primeiros pasos laborais e interactuar con profesionais de prestixio responsables de departamentos de Recursos Humanos de relevantes empresas nacionais e internacionais que participaron no programa.

A primeira xornada dividiuse en dúas sesións, “Define a túa meta e loita por conseguila” e “Buscar traballo é un traballo”, nas que os relatores destacaron a necesidade da presenza en Internet, as oportunidades existentes cando se sae da zona de confort ou a importancia do desenvolvemento da marca persoal, e nas que os asistentes puideron participar nunha simulación dunha entrevista de traballo.

Na segunda xornada de Laboralia 2015, presentáronse casos prácticos de “Innovación social e emprendemento”, como un modelo de negocio baseado na integración de persoas con enfermidade mental ou un proxecto de formación sociolaboral para persoas con discapacidade cognitiva. A principal mensaxe transmitida ao público foi que “non hai problemas, hai oportunidades de mellora”. Na última sesión do programa, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer “Experiencias en programas internacionais“,con consellos prácticos para os interesados en saír ao estranxeiro.

Laboralia 2015 contou coa participación de representantes de empresas nacionais e internacionais de prestixio, como Hijos de Rivera, Inditex, R Cable ou Repsol, e con consultoras de Recursos Humanos contrastadas, como Extend RRHH, Manpower ou Ray Human Capital.

 

Comparte este artículo

Arquivos