A UDC presenta a súa Memoria de Responsabilidade Social Universitaria

A UDC presenta a súa Memoria de Responsabilidade Social Universitaria

A Universidade da Coruña (UDC) vén de presentar a súa Memoria de Responsabilidade Social Universitaria (RSU) 2016-2017. O acto tivo lugar no Paraninfo do Reitorado e foi presidido polo reitor, Julio Abalde Alonso, e polo presidente do Consello Social da UDC, presidente da Conferencia de Consellos Sociais (CCS) e secretario xeral e do Consello de Administración de Inditex, Antonio Abril Abadín. A presentación contou coa participación da secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras Caballero.

O principal obxectivo da UDC é formar cidadáns libres, críticos e competentes, na contorna dunha universidade con vocación internacional, eficaz e eficiente na xestión dos seus recursos. En relación a estas liñas, Ángeles Heras Caballero considera imprescindible o valor da responsabilidade social universitaria para o futuro da xestión da educación, a investigación, a transferencia de resultados e o emprendemento de base universitaria en Galicia e en España. “Hai moitas críticas cara ás universidades públicas, pero somos o primeiro ou o segundo país en canto a facilidade para acceder a unha universidade pública de calidade. Conseguímolo, pero agora fáltanos adaptar as universidades, os plans de estudos, o profesorado e o alumnado ás necesidades do mercado. O coñecemento per se xa é unha riqueza e non podemos abandonar as ramas humanísticas e sociais, pero para avanzar debemos investigar e investir en I+D+i, porque sen ciencia non hai excelencia”, afirmou Ángeles Heras Caballero.

A propia Universidade da Coruña asume a responsabilidade de elaborar e publicar unha Memoria Anual de Responsabilidade Social co fin de amosar o seu compromiso coa contorna na que desenvolve a súa actividade. Este documento céntrase na relación da UDC con todos e cada un dos grupos de interese: estudantes, equipo humano, Administracións Públicas, empresas e sociedade.

Esta Memoria de Responsabilidade Social é froito do convenio de colaboración asinado por INDITEX S.A. e a Universidade da Coruña o 10 de marzo de 2010, data na que ambas as institucións acordaron unir esforzos co obxectivo de promover a implantación dun modelo de Responsabilidade Social Universitaria (RSU).

En palabras de Julio Abalde Alonso, “a UDC pretende de aquí ao 2020 ser unha institución más próxima á sociedade, entender as súas necesidades e dar resposta aos cambios da súa contorna. Para cumprir este obxectivo, a universidade ten que colaborar cos entes públicos e privados para converterse nunha institución internacional tanto de docentes como de investigadores. Queremos combinar o coñecemento universal naquelas áreas tecnolóxicas nas que somos referentes e por iso queremos realizar un espazo que posibilite a investigación e a innovación mediante a colaboración universidade-empresa”.

Pola súa parte, Antonio Abril Abadín explicou que é conveniente cambiar o sistema de goberno, “porque necesitamos universidades más flexibles e un mellor financiamento público e privado para que sexan excelentes. Se a unha institución se lle pide moito é porque temos confianza nela, pero para obter unha boa resposta é imprescindible dotala de recursos. Ademais, no caso da UDC hai un compromiso social engadido, que tamén debería estar presente no sector empresarial e é potenciar a inclusión laboral de moitos colectivos. Non é admisible que os estudantes só reciban educación, senón tamén é necesario transmitir principios, compromisos de bo goberno e valores”.

A Memoria de Responsabilidade Social da UDC é un exercicio de transparencia e rendición de contas, de recoñecemento de obrigas e de asunción de compromisos; o resultado dun esforzo colectivo con toda a comunidade universitaria.

Ademais, neste caso concreto, é froito da colaboración público-privada, na que a sociedade, a través da súa representación no goberno da universidade, o Consello Social, fai efectivo o seu compromiso de apoio á UDC e ao seu equipo de goberno, para integrar a responsabilidade social na xestión diaria da institución.

A Memoria de Responsabilidade Social non é só unha recompilación de boas prácticas, senón que reflicte os compromisos adquiridos coa sociedade e debe servir para coñecer que debe cambiar, que debe mellorar e que prácticas resultan máis beneficiosas para reforzar o compromiso de ser unha universidade sustentable, aberta e participativa.

Pode acceder á Memoria de Responsabilidade Social da UDC aquí.

Comparte este artículo

Arquivos