Laboralia celebra os seus 10 anos de traballo pola formación en competencias dos universitarios

Laboralia celebra os seus 10 anos de traballo pola formación en competencias dos universitarios

O presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, e o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, inauguraron esta mañá a primeira das dúas xornadas en formato híbrido (presencial e en liña) de Laboralia 2021, baixo o título ‘Formación e Emprego na era do dato’. Laboralia, programa de formación en competencias profesionais e orientación laboral, celebra este ano o seu décimo aniversario baixo a dirección do Consello Social.  

 Antonio Abril Abadín destacou o traballo desenvolvido por Laboralia nesta década na que contribuíu á formación, orientación e mellora de empregabilidade duns 3000 alumnos e alumnas grazas ao coñecemento impartido por máis de 130 directivos, técnicos, emprendedores e profesionais de diferentes ámbitos. “Laboralia é un exemplo do potencial da colaboración universidade-empresa-terceiro sector para a mellora da formación dos nosos mozos universitarios”, sinalou.  

 A adquisición de competencias dixitais nas novas xeracións é un requisito indispensable para asegurar o éxito na inserción laboral. Unha tendencia impulsada pola transformación dixital e acelerada pola pandemia á que está a responder de maneira efectiva a institución académica coruñesa coa implantación de novos títulos cun forte compoñente tecnolóxico, indicou o reitor da UDC, Julio Abalde, na súa exposición.  

 

 Laboralia analiza como axuda o dato no mundo educativo  

 A primeira xornada de Laboralia 2021 abordou a aplicación da analítica de datos ao mundo educativo e como mellorar a aprendizaxe dos estudantes a través de algoritmos, big data e intelixencia artificial.  

 Mónica Vilas, consultora de novas tecnoloxías e antiga executiva de IBM, fixo especial fincapé na relevancia do machine learning (aprendizaxe automatizada) e como esta práctica enfócase en mellorar os procesos mecánicos e cotiáns que todos realizamos na nosa vida diaria que unha máquina faría de forma máis eficiente. Vilas engadiu que no ámbito da educación “non todos aprendemos da mesma forma polo que é importante comprender os procesos dos estudantes e, nisto, a análise dos datos pode evitar o fracaso do alumno/a, mediante a prevención e o coñecemento”.  

 Pola súa banda, Cristóbal Romero, catedrático de Ciencias da Computación da Universidade de Córdoba, asegurou que a análise de datos e a intelixencia artificial está a chegar a todos os campos, entre eles, a educación. Romero indicou que “a súa inserción neste ámbito está a ser máis lenta por falta de investimento”. “A analítica de datos permítenos predicir o comportamento do alumnado, os seus puntos de mellora, isto facilita ao docente traballar niso para evitar o fracaso escolar ou en mellorar a súa inserción laboral”, explicou.  

 Aspectos nos que concordou José Antonio Ruipérez, investigador en datos educativos, quen engadiu que “todo isto poderase ver nunha interface sinxela con métricas que acheguen aos docentes nunha soa ollada a situación de cada un dos seus alumnos e alumnas”. Ruipérez advirte que os docentes deben adquirir tamén os coñecementos necesarios e que as técnicas e plataformas de uso no ámbito educativo poden extrapolarse a outros sectores como o sanitario.  

Selección de persoal e competencias demandadas

 A segunda xornada de Laboralia 2021 abordará mediante relatorios prácticos o uso do dato para a mellora dos procesos de selección de persoal nas empresas e nas competencias profesionais que se requiren actualmente e no futuro no mercado laboral. O evento contará co experto en axuda á procura de emprego en dixital e CEO de Jobs301, Guillermo Vallejo, e o cofundador e CEO de Graphex, especializado en analítica de Recursos Humanos, Victoriano Izquierdo. 

Laboralia finalizará profundando en ‘Reskilling e Upskilling’ e as capacidades máis demandadas nos próximos anos da man de Rafa Díaz e Santiago García, dous especialistas de Future of Work Institute, observatorio do futuro do traballo e os recursos humanos. Durante as intervencións, os participantes recibirán consellos sobre as mellores estratexias para fortalecer o seu perfil e aumentar o potencial de oportunidades de desenvolvemento profesional. 

Comparte este artículo

Arquivos