Medio centenar de mulleres con discapacidade inician a súa formación para acceder a postos tecnolóxicos

Medio centenar de mulleres con discapacidade inician a súa formación para acceder a postos tecnolóxicos

O Programa RADIA é unha iniciativa impulsada por Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas e Fundación CEOE, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital.

Un total de 50 mulleres con discapacidade veñen de iniciar a súa formación para acceder a postos tecnolóxicos grazas ao Programa Radia, unha iniciativa impulsada por Fundación ONCE, a Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS) e Fundación CEOE, cuxo obxectivo é favorecer a inclusión de persoas con discapacidade en contornas de traballo dixital.

A presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez; o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, Antonio Abril Abadín, e o director xeral de Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, foron os encargados de presentar este programa.

Segundo explicaron, trátase de ofrecer oportunidades de emprego ás mulleres con discapacidade, que constitúen o grupo que menos opcións ten de desenvolvemento profesional nos eidos tecnolóxicos.

Na súa intervención, Fátima Báñez subliñou que “o maior activo estratéxico que teñen as empresas e tamén España son as persoas, e ese talento na súa rica diversidade e independentemente das súa capacidades, precisámolo para contar con empresas máis competitivas e unha sociedade mellor para todos”.

Pola súa banda, Abril Abadín recalcou que “ser capaces, nunha circunstancia como a que vivimos, de poñer en marcha este programa supón a confirmación do compromiso de todos co impulso da diversidade e da igualdade de oportunidades na nosa sociedade”. Engadiu que as 50 elixidas teñen o reto de cimentar a necesaria aposta polas áreas de coñecemento STEM. “Temos o talento e contamos coa capacidade de formación nas nosas universidades. So falta amosar, nas etapas educativas previas, as enormes posibilidades das ciencias, tecnoloxías, enxeñarías e matemáticas tanto para os homes como para as mulleres”.

Finalmente, Martínez Donoso lembrou que, segundo todas as análises, o 90% dos empregos requirirán de competencias dixitais no futuro e que, ao mesmo tempo, existe unha brecha de xénero en relación ao acceso e uso da tecnoloxía. Por iso, continuou, “e sabendo que no caso do noso colectivo a brecha é aínda maior, deseñamos un proxecto de formación tecnolóxica moi potente para universitarias con capacidade, co que queremos que fagades unha inmersión profunda sobre as tecnoloxías dixitais, imprescindibles hoxe para empregos técnicos e cualificados”.

Comparte este artículo

Arquivos