O Consello Social da UDC pon en marcha AddVenture 2022

O Consello Social da UDC pon en marcha AddVenture 2022

O Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) pon en marcha AddVenture 2022, a segunda edición do seu programa de fomento do emprendemento baseado no uso das TIC e transformación dixital de microempresas.

Esta iniciativa pioneira na contorna da Universidade da Coruña xorde desde o Consello Social da UDC para axudar aos emprendedores e microempresas nun dos aspectos máis críticos: a súa formación para desenvolver de maneira eficaz e efectiva as súas propostas de negocio. AddVenture é un programa de formación 100% online no que os participantes aprenden a poñer en marcha e impulsar un proxecto real, o seu propio, ao longo dos case tres meses de duración.

A inscrición para participar no programa está aberta ata o 16 de febreiro en addventureudc.com.

Aberta a inscrición en AddVenture 2022

En colaboración coa joint venture Sngular Teamlabs, a unión entre o laboratorio de aprendizaxe radical Teamlabs e o ecosistema dixital Sngular, neste programa fomentarase a adquisición de aprendizaxes prácticos e aplicados ao desenvolvemento do seu proxecto empresarial real apoiándose na tecnoloxía e no adestramento das competencias necesarias para emprender e liderar un negocio.

A través do traballo en equipo e ao final do programa, os participantes contarán coa validación dun modelo de negocio e unha proposta de valor escalable, que incluirá unha estratexia de marketing dixital e a creación dun market place. Ademais, dominarán o uso de ferramentas que lles permitan optimizar procesos e acceder a financiamento externo.

AddVenture tratará aspectos relacionados con: identificación de necesidades; definición de obxectivos do negocio; desenvolvemento de follas de ruta; optimización de recursos e uso de metodoloxías áxiles; canais de venta dixitais; modelos de negocio disruptivos; os beneficios de xerar proxectos con impacto social e medioambiental; competencias en data science e intelixencia artificial; xestión do talento; estratexias de venda e de levantamento de capital; e asesoramento nunha rolda de financiamento simulada.

Primeira edición exitosa

A primeira edición de AddVenture contou coa participación de 23 alumnos e 17 proxectos empresariais, entre eles, Inspiring Rooms by Taline, dedicado ao arte floral con servizos en Suíza e España; a iniciativa emprendedora Nereo, que pretende fabricar e comercializar drons mariños; e a spin off universitaria Photoilike. “AddVenture serviunos en dous aspectos: para afianzar a nosa idea de negocio e redefinir a nosa estratexia; é un programa moi completo, no que se facilitan recursos e ferramentas”, asegura o conselleiro delegado e co-fundador de Photoilike, Manuel Pérez.

Esta compañía, que dispón dunha tecnoloxía que permite predicir que imaxes serán máis atractivas para cada cliente dunha marca e que esta poida multiplicar a atracción do seus produtos, iniciou o programa ao pouco de constituírse coma empresa e tras o seu paso por AddVenture pecharon unha rolda de financiamento que lles permitiu reforzar o seu proxecto. O seu desenvolvemento tecnolóxico está sendo usado actualmente por portais inmobiliarios, servicers e axencias inmobiliarias con máis de 18 millóns de imaxes avaliadas.

Dirixido a titulados/as, microempresas e autónomos/as

Este programa de formación está dirixido a titulados/as universitarios/as nos últimos 3 anos, microempresas (menos de 10 traballadores), traballadores/as e profesionais autónomos cunha idea de negocio innovadora ou que desexen redefinir o seu modelo de negocio sobre a base das TIC.

Contará coa docencia e experiencia de expertos en innovación, transformación dixital, e-commerce e emprendemento. As prazas son limitadas (30). A matrícula por docencia está bonificada ao 100% polo Consello Social da UDC e, polo tanto, exenta de pago. Os admitidos tan só deberán aboar un importe total de 90 euros en concepto de apertura de expediente e servizos administrativos.

Comparte este artículo

Arquivos