O prazo de preinscrición na nova edición do CESIS finaliza o 11 de novembro

O prazo de preinscrición na nova edición do CESIS finaliza o 11 de novembro

Os interesados deben presentar a súa solicitude a través da sección de Preinscrición da web www.catedrainditex.com  

 A Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade abriu, o pasado mes de setembro, o prazo de preinscrición para o Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social (CESIS), que se impartirá durante o primeiro semestre de 2023. As persoas interesadas en acceder a este título propio de posgrao, impartido pola Universidade da Coruña, poderán presentar a correspondente solicitude ata o 11 de novembro de 2022 a través da páxina web www.catedrainditex.com.  

A relación da Universidade da Coruña con Inditex propiciou fai máis dunha década a creación da Cátedra Inditex-UDC de Sustentabilidade, promovida en execución do acordo de colaboración asinado por ambas as entidades para o fomento da responsabilidade social universitaria, baixo a coordinación do Consello Social da UDC en calidade de órgano de participación da sociedade na universidade.    

Un convenio de colaboración subscrito o 10 de marzo de 2010 co obxectivo de posicionar de maneira estratéxica á UDC no ámbito da responsabilidade social, a innovación social e a sustentabilidade a través da realización dunha serie de actividades. Todas elas dirixidas a fomentar un espazo de reflexión na comunidade e potenciar a formación académica, a investigación aplicada e a divulgación destas áreas de coñecemento para a súa implantación nas organizacións: administracións públicas, empresas, universidades e entidades sen ánimo de lucro. 

XII edición do CESIS

A duodécima edición do CESIS, incorporará contidos especificamente dirixidos a todos aqueles estudantes, recentemente graduados e profesionais con interese en profundar e desenvolver a súa carreira profesional en ámbitos vinculados á sustentabilidade e a responsabilidade e innovación social.  

O programa académico, que se desenvolverá ao longo de 625 horas lectivas, incluíndo sesións presenciais e traballo non presencial, contará coa participación de máis dunha trintena de especialistas de recoñecido prestixio vinculados a empresas, institucións académicas, entidades non lucrativas e administracións públicas de proxección no ámbito nacional e internacional. O CESIS terá lugar as tardes de mércores e xoves na Facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña (A Coruña) e disporá de bolsas valoradas no 50% do importe da matrícula para o 40% do alumnado.  

Desde unha perspectiva eminentemente práctica, os alumnos terán a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos no CESIS a organizacións reais da súa contorna a través do módulo ‘Proxecto de aprendizaxe-servizo’. Así, en colaboración con diferentes entidades que apostan por avanzar na súa sustentabilidade e innovación social, o alumnado desenvolverá proxectos académicos en equipos de traballo de catro ou cinco persoas co obxectivo de elaborar un plan de acción para a implementación de actuacións concretas que dean resposta a retos prioritarios das devanditas entidades colaboradoras.  

O plan de estudos do CESIS foi deseñado para por en valor, desde unha perspectiva eminentemente práctica, a experiencia do claustro docente e o talento dos máis de 300 egresados que forman parte da rede alumni da Cátedra.  

Comparte este artículo

Arquivos