AddVenture expón o caso de Lázzaro, exemplo de emprendemento con propósito social exitoso

AddVenture expón o caso de Lázzaro, exemplo de emprendemento con propósito social exitoso

O Consello Social da Universidade da Coruña organiza o vindeiro xoves 10 de novembro, ás 17.30 horas, unha nova master class en liña coa experta en estratexia e colaboradora de proxectos innovadores, Carlota Corzo. A co-fundadora de Lázzaro, emprendemento tecnolóxico de referencia con base social, profundará na traxectoria e experiencia da súa compañía e trasladará as alternativas existentes para a posta en marcha dunha empresa con propósito social.

Baixo o título Emprendementos que inspiran: ‘O impacto social como fórmula do éxito empresarial’, esta emprendedora galega, incluída na lista Forbes 30 under 30, trasladará aos asistentes os seus coñecementos sobre como emprender de maneira innovadora, como lograr impacto social e a atracción dos grupos de interese, a obtención de fondos e as oportunidades de emprendemento e nichos de mercado no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Retos ODS igual a empresas con propósito social

Carlota Corzo, consultora de impacto e directora de proxectos, mostrará as claves para desenvolver unha idea de negocio e levantar un proxecto empresarial con propósito; ensinará ferramentas para impulsar unha idea tendo en conta os ineludibles ODS e un modelo de negocio responsable; transmitirá consellos e recomendacións de aplicación práctica en cada emprendemento; e incidirá en como aplicar diferentes estratexias para impactar nos grupos de interese de cada nova empresa.

Esta master class é unha das actividades sinaladas na axenda formativa de outono do Consello Social da Universidade da Coruña e enmárcase dentro do programa AddVenture, orientado á formación en emprendemento e transformación dixital de microempresas.

Os/as interesados/as en asistir a este evento en liña, que se celebrará a través da aplicación de videoconferencias de Zoom, deben inscribirse antes do martes 8 de novembro ás 11 da mañá nesta ligazón: https://addventureudc.com/

Comparte este artículo

Arquivos