O Presidente do Consello Social participa na presentación do Informe CYD 2023

O Presidente do Consello Social participa na presentación do Informe CYD 2023

O presidente do Consello Social da UDC, en calidade de presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas (CCS), Antonio Abril Abadín, participou onte en Madrid no acto de presentación do Informe CYD 2023, organizado e elaborado anualmente pola Fundación CYD.

Trátase dun documento de referencia para a universidade en España no que se analiza, diagnostica e propón liñas de mellora para apuntalar a súa contribución ao desenvolvemento económico e social do país.

O Informe CYD 2023 incide nas sete prioridades que debe establecer a universidade española para lograr estes obxectivos: aumentar o investimento, atraer talento e asegurar a substitución xeracional, mellorar a empregabilidade, aumentar a transferencia de coñecemento, promover a internacionalización, mellorar o acceso e a equidade e acelerar a transformación dixital.

A Universidade e os seus retos, a debate

O acto contou cunha mesa redonda de debate sobre a situación da universidade española e os seus retos máis inmediatos na que interveu o presidente do Consello Social da UDC e presidente da CCS. Antonio Abril insistiu en que a Lei de Ciencia, Tecnoloxía e innovación na súa reforma do ano 2022 miran cara ao futuro e “cara á dirección adecuada e establecen mecanismos reais para facilitar a transferencia de resultados de investigación e a colaboración entre a ciencia publica e empresa”. Pola contra, asegurou, “a Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) na nosa opinión vai exactamente na dirección oposta.”

Destacou que os retos que se pretenden abordar desde os Consellos Sociais é que se siga a liña do Ministerio de Ciencia e Innovación, que nesta lexislatura asume de novo a competencia de Universidades.  “Pedímoslle ás leis de desenvolvemento das Comunidades Autónomas e os estatutos das universidades que, dentro do respecto á legalidade, utilicen os principios, valores e obxectivos do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Lei de Ciencia e Innovación para mellorar a relación entre universidade e empresa”, indicou.

Profundou tamén na necesidade de redeseñar os sistemas de gobernanza, o sistema de incentivos para que premie os méritos na transferencia de resultados á empresa, mellorar o funcionamento dos axentes de intermediación e aumentar a capacidade de innovación do sector produtivo.

Na mesa redonda tamén tomaron parte María Blasco, directora científica do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas; Manuel Cermerón, director xeneral de Agbar e de Veolia España; José Lujan, reitor da Universidade de Murcia e delegado da Presidencia de CRUE para o desenvolvemento da LOSU; Verónica Pardos, estudante de Dereito e Administración de Empresas da Universidade de Zaragoza; e José Manuel Pingarrón, secretario xeral de Universidades.

Educación para transformar a sociedade

Durante o acto de presentación, a ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes e portavoz do Goberno, Pilar Alegría, e a presidenta da Fundación CYD, Ana Botín, falaron sobre a importancia da educación para transformar a sociedade e garantir a igualdade de oportunidades.

O documento presentado contou con 43 colaboracións de expertos do ámbito académico, institucional e empresarial, debulla as prioridades estratéxicas da universidade española, analizando a situación actual e os retos de futuro. Podes acceder ao informe completo na seguinte ligazón: Informe CYD 2023

Comparte este artículo

Arquivos