O terceiro obradoiro de HumanIA UDC desgrana como aplicar a Intelixencia Artificial a ámbitos creativos
inteligencia-artificial-humania-tercer-taller

O terceiro obradoiro de HumanIA UDC desgrana como aplicar a Intelixencia Artificial a ámbitos creativos

O terceiro obradoiro ‘HumanIA UDC: O desafío das Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial’ alcanzou outro cheo absoluto na Sala Cloud do Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer casos reais sobre como aplicar a Intelixencia Artificial ao proceso creativo e familiarizarse con ferramentas de creación de imaxes.

Ruth Falquina, experta en tecnomarketing, innovación e branding, foi a encargada de impartir este taller, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC) en colaboración co CITIC. A relatora trasladou aos oíntes a súa traxectoria ao cargo dunha axencia de publicidade especializada en creatividade aumentada.

A universidade e a IA xenerativa

Antonio Abril, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, abriu este acto destacando “a importancia das universidades no seu papel para formar contornas multidisciplinares que permitan crear novos enfoques na intelixencia artificial xenerativa e para exercer como gardiáns da ética aplicada á tecnoloxía”.

Pola súa banda, a Decana da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, Manuela Santos Pita, explicou que “non hai dixitalización nin tecnoloxía sen o apoio dunha reflexión sólida, do acordo social, onde a toma de decisións ten que estar baseada nunha serie de principios e de dereitos humanos han de ser o principio e o final”.

O director do CITIC, Manuel González Penedo, tamén quixo resaltar a importancia do traballo conxunto de múltiples perfís académicos dentro dos grupos de traballo do centro.

Os usos da Intelixencia Artificial no ámbito creativo

No transcurso do taller, Ruth Falquina explicou como se pode aplicar a IA a calquera parte do proceso creativo, como unha ferramenta que axuda aos humanos e non que os substitúe, para iso aplicou exemplos da súa propia traxectoria a través de campañas feitas co apoio de ferramentas de intelixencia artificial xenerativas para marcas como Mercadona, Redbull ou Netflix.

Os asistentes do taller tiveron ocasión de familiarizarse con promts e ferramentas como Freepik ou Copilot a través dun exercicio práctico para crear a súa propia campaña publicitaria.

O próximo 23 de abril terá lugar o próximo taller do ciclo HumanIA UDC: ‘O procesamento da linguaxe natural, como poñer en marcha un proxecto de PLN’. Esta sesión será impartida por Cristina Aranda, experta en tecnoloxía, innovación e lingüística e directora da Agrupación industrial de Humanidades dixitais e tecnoloxías da linguaxe en español da Comunidad de Madrid. Como sempre, as prazas estarán abertas a calquera que queira coñecer máis en profundidade as novas posibilidades que brinda a Intelixencia Artificial, neste caso aplicadas á neurolongüística.

Comparte este artículo

Arquivos