Pedro Duque e Sara García destacan a importancia dos avances na industria aeroespacial e a súa aplicación na sociedade

Pedro Duque e Sara García destacan a importancia dos avances na industria aeroespacial e a súa aplicación na sociedade

Os astronautas Pedro Duque e Sara García destacaron onte na Coruña a importancia de apostar pola investigación científica, o investimento en innovación e a transferencia de coñecemento dende a industria aeroespacial cara á empresa e a sociedade. Ambos os dous puxeron en valor este sector, cuxos desenvolvementos técnicos e experimentos científicos para coñecer máis en profundidade o universo impulsaron unha boa parte das revolucións tecnolóxicas dos séculos XX e XXI.

A cidade herculina converteuse, por primeira vez, no punto de encontro de dous referentes no ámbito espacial español grazas á xornada ‘Presente e Futuro da Industria Aeroespacial: Investigación, Emprendemento e Colaboración Público-Privada’, organizada polo Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) e patrocinada por Inditex.

Ciencia, innovación e misións espaciais tripuladas

A xornada comezou coa conferencia ‘O círculo virtuoso da ciencia e a innovación’, impartida por Pedro Duque, primeiro astronauta español e exministro de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España. Duque explicou a relación existente entre investigación científica e innovación, e a súa forma de entrelazarse nun ciclo de progresos beneficiosos para a sociedade no seu conxunto. Nesta liña, tamén detallou o “dobre sistema simbiótico” existente entre as empresas e a ciencia no que se retroalimentan, por unha parte, con intercambios de investimento e encargos de I+D e, pola outra, con produtos e tecnoloxía.

A continuación, a astronauta de reserva da Axencia Espacial Europea (ESA), Sara García, tratou as ‘Misións espaciais tripuladas no século XXI’. A tamén bióloga molecular no Centro de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) trasladou aos máis de 500 asistentes á xornada o arduo proceso de selección para chegar a ser astronauta e explicou, entre outros aspectos, o adestramento que deben afrontar para prepararse para unha misión espacial e unha exposición das futuras misións na órbita terrestre, a Lúa e Marte.

Sara García visita a Universidade da Coruña

Previamente á súa participación na xornada, Sara García visitou as instalacións do CITIC-Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, referente en Intelixencia Artificial, Robótica e Realidade Virtual, entre outros campos. Ademais, coñeceu de primeira man Talentos Inclusivos, un dos proxectos colaborativos de referencia impulsados polo CITIC e apoiado polo Consello Social da UDC e aproveitou para compartir as súas experiencias como investigadora no CNIO.

Posteriormente, trasladouse á reitoría da Universidade da Coruña, onde foi recibida polo reitor, Julio Abalde Alonso; o director da Cidade das TIC, Alfonso Martínez; e a responsable do Nodo de IA da Cidade das TIC, Amparo Alonso, que presentaron á astronauta de reserva da ESA o proxecto Cidade das TIC.

Oportunidade para a UDC e A Coruña

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social, Antonio Abril Abadín, cualificaron este evento como “unha oportunidade excepcional” para reflexionar sobre a situación actual e futura da industria aeroespacial da man de dúas das figuras máis relevantes en España.

Nas súas palabras de benvida, o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, agradeceu a Inditex o seu apoio no desenvolvemento desta xornada creada para “achegar A Coruña e a súa universidade a un ámbito que complementa a especialización que atesoura a UDC no campo tecnolóxico e científico” e que, ademais, este sector sexa visto como unha alternativa para o ámbito empresarial e a sociedade en xeral.

Pola súa parte, o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, destacou os proxectos que se están a levar a cabo dende a Universidade da Coruña no ámbito tecnolóxico e científico en colaboración con outras entidades, como a Cidade das TIC, e lembrou o establecemento da Aesia na Coruña, que converterá á cidade e a súa universidade nun referente en intelixencia artificial.

Comparte este artículo

Arquivos