O Consello Social da Universidade da Coruña visita o CITIC

O Consello Social da Universidade da Coruña visita o CITIC

Os membros do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC) veñen de participar nunha xornada no Centro de Investigación TIC (CITIC) no Campus de Elviña. O obxectivo deste encontro, celebrado o xoves 26 de abril, foi o de coñecer de primeira man os proxectos levados a cabo polos investigadores do centro no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

O Consello Social da UDC foi recibido por Manuel F. Penedo, Director do CITIC e por Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia. “A Universidade da Coruña ten grupos de investigación que se agrupan en centros como o CITIC, estratéxicos para a UDC e moi competitivos”, declarou Salvador Naya sobre o centro, o único de Galicia recoñecido como Centro Singular de Investigación.

Manuel González Penedo destacou o xurdimento do CITIC como resposta ás demandas dos investigadores, un centro que a día de hoxe conta con doce grupos de investigación, nove deles de máxima categoría. “Foméntase a relación coas empresas. A organización das actividades permite que os investigadores traballen con liberdade e autonomía. Tivemos moitas experiencias de spin off e a maioría delas con éxito”, afirmou o Presidente do CITIC.

Pola súa parte, Juan Ramón Rabuñal, Coordinador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña (CITEEC) destacou o papel do centro no campo da Enxeñería Civil: “Temos cinco grandes laboratorios para desenvolver modelos a escala de infraestruturas, e outros cinco máis pequenos”.

O coordinador do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), Jaime Rodríguez, sinalou que este departamento é o irmán pequeno dos centros tecnolóxicos, con cinco grupos de investigación biotecnolóxica, seis relacionados co medio ambiente e tres de ciencia de materiais. Os membros do Consello Social puideron gozar dunha visita guiada polas instalacións do CITIC, que incluíu a demostración do voo autonómo dun dron, unha liña de vehículos aéreos non tripulados e intelixentes desenvolta por Avansig, firma pertencente a investigadores ligados ao CITIC.

Comparte este artículo

Arquivos