Os candidatos a reitor presentan ao Pleno do Consello Social as súas propostas para a UDC

Os candidatos a reitor presentan ao Pleno do Consello Social as súas propostas para a UDC

O Pleno do Consello Social, reunido onte en sesión extraordinaria, escoitou as propostas e programas dos dous candidatos a reitor que competirán nas eleccións do próximo 4 de decembro.  

Ricardo Cao e Fermín Navarrina expuxeron a súa traxectoria, defenderon os seus méritos para asumir o cargo de reitor e explicaron os seus plans sobre a xestión universitaria, a docencia, a investigación, o mapa de titulacións, a internacionalización e a relación da UDC coa súa contorna e en especial coa empresa.  

O Consello Social interesouse, ante os candidatos, sobre o financiamento da universidade e a xestión do seu persoal e do alumnado, nunha situación de crise demográfica e crecente competencia das universidades privadas e da FP de grao superior, e insistiu na necesidade de dotar de máis medios ao Consello Social, ante os retos que lle abre a nova LOSU sobre a xestión do compliance universitario e o seu necesario maior protagonismo na transparencia e rendición de contas da universidade. 

Representación relevante nos futuros Estatutos

Finalmente, o Consello Social pediu que os futuros estatutos lle recoñezan unha representación relevante no Consello de Goberno e lembrou a importancia das súas funcións, como representante da sociedade á que se debe a universidade e que a financia moi maioritariamente cos seus impostos.  

Ambos os candidatos coincidiron en considerar ao Consello Social da UDC como unha ferramenta imprescindible para a excelencia da institución académica coruñesa. 

Comparte este artículo

Arquivos