A vertente formativa da Cátedra INDITEX-UDC de Sustentabilidade materialízase nun Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social, dirixido a titulados universitarios e a profesionais dos sectores empresarial, público e non lucrativo, que se centra en temáticas clave para a mellor gobernanza e desenvolvemento sostible das sociedades e o bo goberno das organizacións.
O Curso de Especialización en Sustentabilidade e Innovación Social, título propio impartido pola Universidade da Coruña, trata de maneira transversal, multidisciplinar e desde unha perspectiva eminentemente práctica, dado o seu carácter de formación continua, a responsabilidade social de administracións e organismos públicos, empresas e entidades non lucrativas, facendo especial fincapé nas iniciativas máis innovadoras en materia de sustentabilidade e enfocadas á creación conxunta de valor económico e social.
O cadro de profesores convidados a este curso está maioritariamente composto por profesionais que, no seu día a día, xestionan responsabilidades relacionadas coas materias propias do seu contido, procurando conseguir un equilibrio entre os tres sectores -público, empresarial e non lucrativo-, e con ampla proxección internacional.